Entre outras está confirmada a presenza de Heredeiros da Crus, Leilía, A Roda, ademais de orquestras como Olympus, Palladium ou Ceniza. O 15 de agosto será o día grande na honra a Santa María e o 16 estará adicado aos emigrantes galegos 

A Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes xa ten debullado o seu programa de actuacións para as festas patronais de Santa María, as cales se celebrarán dende o 14 ata o 17 de agosto. 

     O II Festival Sons de Ordes terá lugar o primeiro día. A música rock e pop dos anos 80 e 90 será a que faga moverse a todos e a todas. Para isto contarase coas actuacións de Dani Royo & Verson´s band. Pero sen dúbida o prato forte para este día virá dun dos grupos pioneiros do estilo bravú, Heredeiros da Crus. 
 
     Para o día grande, o 15 de agosto, o ambiente de orquestra inundará Ordes grazas ás actuacións de Palladium e da Orquestra Principal. Por suposto non faltará a misa solemne (12 horas) seguida da procesión, na que sempre participan centos de veciños e veciñas acompañando á imaxe da santa polas principais rúas do pobo. A Banda Escola de Música de Rianxo e os gaiteiros e cabezudos tradicionais da Asociación Cultural Espadana animarán a mañá.

     Como cada ano a xornada do día 16 terá como máximos protagonistas ás persoas que un día tiveron que saír da súa terra en busca dun futuro con posibilidades. O Día do Emigrante incluirá misa (13 horas) e ofrenda floral ante o monumento erixido na honra da diáspora galega. Nesta ocasión serán Franciso del Río Gómez e Carmen Álvarez Palmas, emigrados a principios das décadas dos 60 e 70 respectivamente a Reino Unido, os que encabecen os actos. A Banda de Música de Ordes e o grupo Acirema porán a nota musical desa mañá. Xa pola noite celebrarase o III Festival Folk. Este ano o cartel compóñeno dous grupos referentes dentro da música tradicional galega, as pandeireteiras Leilía e os vigueses A Roda. 
  
     Para pechar as festas o día 17 están confirmadas as actuacións das orquestras Olympus e Ceniza. 

Feira artesá
Durante todos os días de festa o parque da Constitución acollerá un gran mercado artesá con 17 postos onde se ofrecerán os máis diversos produtos realizados a man. Bixutería, complementos, coiro, xogos educativos, gravados en aceiro e ata un taller de vidro serán algunhas das ofertas. O horario irá de 11 a 15 e de 1.30 a 00 horas aproximadamente.

     Aquelas persoas que queiran colaborar coas festas poden facer un ingreso a Asociación de Festexos da Vila de Ordes no  seguinte número de conta do Pastor Grupo Banco Popular: ES34–0238-8188-2506-0105-1240.
 

Ordes prepárase para celebrar a Santa María