spacer
Apoio da comarca ao programa Compartimos Plan 

Persoal da Deputación da Coruña presentou esta mañá en Ordes o programa de participación cidadá co que se pretende constituír o Plan Provincial para a Igualdade de Mulleres e Homes. Ao acto acudiu o presidente da Mancomunidade de Ordes, así como concelleiros e representantes de todos os concellos que a conforman
 
Persoal técnico da Deputación da Coruña presentou esta mañá en Ordes o programa Compartimos Plan, cuxo obxectivo é o de constituír o Plan Provincial para a Igualdade de Mulleres e Homes. 

     A área de Igualdade de Xénero da Deputación é a responsable da súa realización,  que neste día conta coa colaboración do persoal do CIM da Mancomunidade de Ordes. Compartimos Plan abre a posibilidade de participación á cidadanía, persoal técnico das administracións, políticos, tecido asociativo etc de toda a provincia, á hora de elaborar unha diagnose e un plan de acción das políticas de promoción da igualdade e sobre a prevención da violencia de xénero. Neste día falouse sobre a metodoloxía que se  empregará nos vindeiros meses e que se desenvolverá en varias fases. 

    Tras a primeira xuntanza de índole informativa que tivo lugar hoxe, pasarase á análise das necesidades en materia de igualdade e de compilación sobre recursos, programas e servizos existentes. A partir do verán comezarase co plan de acción, onde se deseñarán as liñas específicas de actuación para concluír coa aprobación definitiva do plan. A difusión, na que se darán a coñecer os resultados dos traballos realizados, será o último punto a completar.

Apoio da comarca ao programa Compartimos Plan 

  Entre as moitas persoas que asistiron neste primeiro día non faltou o presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey. Tamén acudiron as concelleiras da comarca Susana García, María Viqueira, Beatriz Rodeiro, Inés Santos e Pilar Sánchez dos concellos de Ordes, Cerceda, Oroso, Tordoia e Mesía respectivamente, así como persoal técnico e demais representantes de todos os concellos da comarca.