O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes vén de facer pública a convocatoria para participar no programa de termalismo social do IMSERSO. Poderán beneficiarse os e as pensionistas de xubilación ou aquelas persoas que presenten unha incapacidade permanente recoñecida pola Seguridade Social, así como pensionistas por viuvez a partir de 55 anos. Tamén as persoas perceptoras doutros subsidios de desemprego ou prestacións a partir de 60 anos e as  aseguradas ou beneficiarias da Seguridade Social con 65 anos ou máis.
  Tamén poderán ser adxudicatarias de prazas as persoas de nacionalidade española que residan no estranxeiro, sempre e cando perciban unha pensión do Sistema de Seguridade Social español, ademais de contar co requisito da idade esixida. Asemade tamén se incluirá como acompañante o cónxuxe ou parella de feito, ou ben a persoa coa se teña constituída unha unión estable e de convivencia. O mesmo acontece cos fillos e fillas con discapacidade en grao igual ou superior ao 45%, sempre que a quenda a desfrute cos seus pais e compartan cuarto.
     Os trámites poderán realizarse na oficina de Servizos Sociais de Ordes, situada nos baixos da Alameda, estando tamén habilitados para isto os centros dependentes ou as xefaturas territoriais, ambos dependentes da Consellería de Política Social. Será necesaria a entrega da solicitude, unha copia do DNI e a declaración responsable do estado de saúde. Para as quendas dos meses que van de febreiro a agosto o prazo rematará o 4 de xaneiro, mentres que para viaxar de setembro a decembro os trámites deberán completarse ata o 11 de maio. As persoas admitidas poderán escoller entre máis de 150 localidades espalladas ao longo de 14 comunidades autónomas.
    Este ano o número total de prazas ofertadas no dito programa ascende a 208.500. O programa desenvolverase dende febreiro ata decembro de 2018. As quendas terán unha duración de 12 días (11 noites) ou de 10 días (9 noites) en réxime de pensión completa. Ademais do aloxamento e a manutención os usuarios e usuarias desfrutarán de tratamentos termais que inclúen recoñecemento e seguimento médico no mesmo centro escollido, actividades de lecer e póliza colectiva de seguro turístico entre outras vantaxes. 

Aberto o prazo de solicitudes para participar no programa de termalismo social do IMSERSO