spacer
O Concello de Ordes descobre unha placa e un monumento en memoria a Isabel Zendal Gómez  

Os actos forman parte do programa de homenaxes á enfermeira ordense que participou na Real Expedición contra a varíola, a comezos do século XIX, e que supuxo erradicar con esta praga que se cobraba milleiros de vidas.

O Concello de Ordes continúa a desenvolver o seu traballo en prol da promoción e posta en coñecemento da figura e do labor da súa veciña da parroquia de Parada Isabel Zendal Gómez. A primeira enfermeira da historia en participar nunha expedición internacional segundo a OMS, e nomeada recentemente como filla predilecta do municipio, xa conta dende hoxe cunha placa no seu lugar de nacemento e cun monumento en pleno corazón da vila ordense.

     Xustamente hoxe, día no que se cumpre o 214 aniversario da partida dende da expedición Balmis na que participou, numerosos persoas congregáronse na aldea da Agrela, lugar de nacemento da que é unha das máximas responsables da erradicación da praga da varíola ao longo de todo o mundo. Alí descubriuse unha placa na que se fai alusión a esta gran muller e a súa importancia para a humanidade. Ademais dos veciños e veciñas do lugar, ao acto acudiron o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e demais membros do seu goberno, así como unha ampla representación da meirande parte dos grupos da corporación local. Tamén quixeron estar presentes Fernando Fernández, secretario da Asociación Isabel Zendal (A Coruña); Antonio López Mariño, historiador, investigador e xornalista; Ana García Campos, vicepresidenta do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña; Francisco López, párroco da parroquia de Parada; os exalcaldes de Ordes Manuel Viqueira e Teodosio Martino, así como un amplísimo número de familiares da homenaxeada. 

Presidente honorífico
Xesús Pedreira, secretario dos socialistas ordenses e un dos máximos impulsores por situar a Isabel Zendal no lugar que merece no coñecemento colectivo, foi un dos encargados de descubrir a placa. Instantes previos a este momento anunciou o seu recento nomeamento como presidente honorífico da Asociación Isabel Zendal de México. Tras os aplausos e felicitacións o alcalde de Ordes tivo palabras de agradecemento e consideración polo traballo desempeñado por Pedreira, “algo fundamental e imprescindible para que Ordes e Veracruz hoxe en día sexan dous concellos irmandados”. Precisamente como sinal deste acordo asinado o pasado mes de outubro Martínez Sanjurjo fíxolle entrega dunha encuadernación na que se recollen todos os acordos e compromisos asinados entre ambos municipios, así como unha copia da acta de irmandamento.

O Concello de Ordes descobre unha placa e un monumento en memoria a Isabel Zendal Gómez  

   Tamén tivo palabras de eloxio o investigador Antonio López Mariño, un dos máximos responsables do ensalzamento que está a ter hoxe en día Isabel Zendal, quen compartiu o seu desexo de ser “semente de cara á  xente máis nova para que sigan investigando e descubrindo a ollos de todos a importancia que tivo Isabel Zendal para toda a humanidade”.
     Rematado o acto na aldea da Agrela a homenaxe tivo unha segunda parte na vila de Ordes, concretamente no parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente. Alí descubriuse un monólito na súa honra. Un momento aproveitado polo alcalde de Ordes para apelar “á suma de todas as forzas para situar a Isabel Zendal no lugar que se merece na historia, e dala a coñecer a toda a sociedade”