A finalidade desta iniciativa é o coñecemento e promoción das rutas xacobeas. Estiveron acompañados por alumnos e alumnas de segundo da ESO do IES Maruxa Mallo, pola concelleira Susana García e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

 Coa máxima de promocionar e dar a coñecer o Camiño Inglés Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta na Coruña, e José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, realizaron esta mañá o treito que vai dende Hospital de Bruma (Mesía) a Poulo (Ordes). Unha andaina na que estiveron acompañados por alumnos e alumnas de segundo da ESO, mestres e membros da  cadro directivo do IES Maruxa Mallo e Ordes. Tamén se sumou á andaina Susana García, concelleira de Educación de Ordes e diputada provincial, así como o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana, Indalecio Cabana.

     Ovidio Rodeiro aproveitou a ocasión para comprobar o resultado do investimento da Xunta, a través de Turismo de Galicia, nun plan de mellora do Camiño Inglés, segundo a delimitación do trazado oficial establecida no ano 2014, e que no caso de Ordes supuxeron unha achega de máis de 170.000 euros para a apertura de explanadas e cunetas; o afirmado do percorrido; a instalación de pasos de auga e obras de drenaxe; a retirada, reparación e reposición das sinais existentes; a colocación de novos indicadores, placas de quilometraxe e cunchas cerámicas, e o control arqueolóxico de todo o proceso.
Promoción económica
O rexedor ordense agradeceu ao delegado territorial da Xunta “o seu interese e compromiso con Ordes e cun proxecto tan importante e que ofrece tantas oportunidades de promoción económica como é a peregrinaxe polo Camiño Inglés”. Martínez Sanjurjo reafirmouse plenamente na perspectiva “de traballar e promocionar a nosa riqueza patrimonial, cultural e paisaxística entre as xeneracións máis novas” así como da importancia de inculcarlles “valores de respecto de cara á súa conservación e mantemento, ademais de difundir a importancia histórica que o Camiño Inglés ten no desenvolvemento de Ordes”.
     Rodeiro lembrou que “a Xunta destinou este ano máis dun millón de euros a intervencións nos 18 concellos polos que transcorre o Camiño Inglés nas súas dúas variantes pola provincia da Coruña”. Destacou que “os escolares de hoxe serán os peregrinos de mañá, e deben ser conscientes de que o Camiño é patrimonio de Galicia, un gran imán que cada ano atrae ata a Comunidade a centos de milleiros de turistas, polo que a administración autonómica está comprometida coa súa revalorización e promoción”.
     As ditas melloras están enmarcadas dentro do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago que, aliñado coa Estratexia do Turismo de Galicia 2020, marca a folla de ruta coa que a Xunta traballa de cara á organización do vindeiro Xacobeo 2021. O Plan dedica este 2017 a promocionar e mellorar o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía para facilitar a experiencia dos peregrinos, cumprindo así o compromiso de potenciar todas as rutas de peregrinación a Santiago de Compostela.
 

O delegado da Xunta e o alcalde de Ordes completan o treito do Camiño Inglés Hospital de Bruma - Poulo