O acto tivo lugar onte no Colexio Fonseca, en Santiago de Compostela. Os alumnos e alumnas ordenses estiveron acompañados pola concelleira da área de Educación, Susana García

Os alumnos e alumnas ordenses que participaron na cuarta edición do programa Camiños de Coñecemento e Experiencia asistiron á clausura do curso. No acto, que tivo lugar onte no Colexio Fonseca, estiveron acompañados e acompañadas pola concelleira de Educación, Susana García. Alí recibiron os seus diplomas e, ademais, desfrutaron dun concerto a cargo da Real Filharmónica de Galicia. 
     Camiños de coñecemento e experiencia é unha iniciativa gratuíta dirixida especialmente ás persoas a partir de 50 anos, levada a cabo pola Universidade de Santiago en colaboración coa Xunta de Galicia, as deputacións da Coruña e Pontevedra, e os concellos de Ordes, A Estrada, Arzúa, Negreira, Noia, Ribeira e Vedra. Con isto preténdese achegar o coñecemento e a formación universitaria ás persoas habitantes do eido rural.
     No caso de Ordes as clases desenvolvéronse dende o 19 ata o 27 de outubro. Incluíronse tres obradoiros sobre a historia da cultura de Galicia vinculada ao patrimonio da comarca, outro sobre a historia da música clásica en Occidente, e un terceiro centrado no cambio climático e a sociedade. Ademais da parte teórica tamén cómpre sinalar as visitas guiadas que se realizaron a SOGAMA e ao dolmen de Cabaleiros. 

Clausura do programa Camiños de Coñecemento e Experiencia