Hoxe venres será o día para os cociñeiros locais, mentres que maña sábado será a quenda para chefs da sona de Moncho Bargo, Carlos Barreira e Tito Fernández. Non faltará a música en vivo e a innovadora sesión beermú

Vaiá Praza prepárase para unha fin de semana chea de actividades e novidades. O evento lúdico-gastronómico que está a revolucionar a hostalería de Ordes arranca no día de hoxe coas distintas combinacións e creacións nun brunch a partir das 12 horas. O lugar de encontro por excelencia para clientela e compradores será a taberna, instalada na parte central da Praza de Abastos de Ordes 

     Por suposto hoxe tampouco faltarán as mostras nos expositores especialmente preparados para a ocasión, onde ademais se poderá mercar sidra e verduras ecolóxicas, ovos de Mos, embutidos, queixos, chocolates, cafés, lácteos, turróns, pans, bolos, cogomelos etc. 

Hoxe venres é o día escollido para os cociñeiros e chefs do municipio. A partir das 20.30 horas Abel Blanco, Adrián Iglesias, Manuel Iglesias e Tito Fernández porán todo o seu saber e experiencia para traer novas sensacións aos padais das e dos ordenses. Croca de cocido, risoto de mar ou tacos de churrasco serán algunhas das creacións que se servirán. Para ambientar o momento nada mellor que a música dun deejay en vivo. 

    Mañá sábado quen queira poderá achegarse dende o mediodía para desfrutar dos petiscos e de todo o que se ofrecerá na denominada sesión beermú. Unha vez máis a innovación á hora de confeccionar tapas nunca vistas será o que marque a pauta. Pola noite os fogóns volverán prenderse para Moncho Bargo, Carlos Barreira e Tito Fernández. Nomes referentes no panorama gastronómico e no eido da restauración, e integrantes de equipos e establecementos de vangarda como Grupo Nove, CociñaCoruña ou NH Hotel Finisterre. ESO Chickes; Din Sum orella de porco con migas de sofrito ou rabo en taco con coandro, aguacates e cebola envinagrada serán algunhas das tapas que figuren na carta.

     Vaiá Praza desenvolverase ata o vindeiro 25 de novembro de martes a sábado na mesma Praza de Abastos de Ordes, situada na rúa Mercado. Durante todo este tempo o seu programa inclúe catas de cervexas, viños e todo tipo de produtos gastronómicos que contarán ademais cos postos para exposición e venda. Grazas aos after works poderase ver en directo como traballan todos e cada un dos cociñeiros convidados, ademais de preguntar sobre a súa elaboración. Os produtos autóctonos da zona serán, neste aspecto, os auténticos protagonistas.  

Sorteos
    Toda a clientela que estes días pase pola Praza de Abastos poderá participar no sorteo de cinco ceas en importantes restaurantes da provincia para dúas persoas, valoradas en 140 €. Basta con cubrir o boleto que se lle entregará con dous selos, un deles nalgún dos establecementos da Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) e o outro na mesma Praza de Abastos.

   Organizado por distintos profesionais hostaleiros de Ordes agrupados baixo o nome de Mordes, o Concello de Ordes apoia e colabora con esta iniciativa innovadora que, ademais, conta co patrocinio de Citroën e co apoio da Asociación de Comerciantes de Ordes e As Puntadas, entre outros. 

Vaiá Praza prepárase para unha fin de semana chea de sabor