Rey Varela reuniuse co alcalde e a concelleira de Benestar Social de Ordes para abordar, entre outros puntos, o incremento de horas no Servizo de Atención no Fogar ou o mantemento de prazas na escola infantil municipal

O alcalde e a concelleira de Benestar Social de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo e Susana García, mantiveron unha xuntanza de traballo co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela. Un encontro que tivo lugar no día de onte para analizar a situación dos programas e servizos que a Xunta de Galicia presta na localidade, así como abordar posibles novas vías de colaboración no eido social.

    Entre os puntos a tratar figurou o incremento do 54% no número de horas do Servizo de Atención no Fogar (SAF) que brinda a Mancomunidade de concellos de Ordes (51.000 horas anuais) que permiten alcanzar unha ratio de atención do 98,6%. A mellora dos servizos sociais pasa tamén pola contratación doutro educador ou educadora social, grazas ao Plan Concertado entre ambas as entidades. Ademais, a Xunta de Galicia contribúe ao mantemento das 74 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos que oferta a escola infantil do municipio.
     O conselleiro tamén indicou que o compromiso coas persoas e colectivos que máis precisan se traducen nun aumento dos recursos económicos por parte da Consellería de Política Social, que aumentarán no vindeiro ano 2018 nun 9%.

Xuntanza de traballo para analizar os programas de traballo  entre o Concello e a Consellería de Política Social