O Concello de Ordes manifesta enérxica e publicamente a súa desconformidade co xeito de proceder da empresa Gesuga, ante o continuo, descoidado e defectuoso servizo que realiza no transporte de restos de animais. Un malestar que se estende tamén entre outras moitas organizacións e asociacións locais, como é o caso da Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) e a veciñanza en xeral.

Mostra deste anómalo servizo que brinda a empresa contratada pola Xunta de Galicia é o regueiro de sangue que este mediodía un dos seus camións deixou esparexido ao longo da rúa Alfonso Senra, en pleno casco urbano. Unha situación que orixinou de inmediato un fedor insoportable e que durante mais de unha hora padeceron residentes, condutores e peóns, ademais do conseguinte inconveniente para o comercio da zona.
Por este motivo José Luis Martínez Sanjurjo esixe tanto ao consello de administración como á xerencia de Gesuga unha solución inmediata e eficaz. Apela o rexedor ordense á súa responsabilidade no mantemento e estanqueidade da súa frota de vehículos para prestar un servizo que garanta as condicións hixiénico-sanitarias que merecen os veciños e veciñas de Ordes. O alcalde lémbralles tamén os “continuados e distintos compromisos adquiridos co municipio de Ordes” neste eido logo de ter remitido varios escritos de queixa nos derradeiros dous anos, e sinala a súa intención “de tomar as medidas que lle brinde a lei e a potestade do seu cargo para compensar esta difícil situación que sofre o pobo de Ordes e tamén para evitar que se volva repetir”.

MARTÍNEZ SANJURJO ANUNCIA MEDIDAS CONTRA OS DERRAMES E MALOS OLORES PROVOCADOS  POR GESUGA AO SEU PASO POR ORDES