Vaia Praza abre as súas portas
Dende hoxe e ata o 25 de novembro a Praza de Abastos acolle esta iniciativa lúdico-gastronómica na que cociñeiros de prestixio e profesionais da hostalería local ofrecerán novas experiencias a través dos produtos da zona
Dende esta mañá, e ata o vindeiro 25 de novembro, a Praza de Abastos de Ordes acolle a iniciativa Vaiá Praza, dirixida a todo tipo de público.
De martes a sábado o edificio situado na rúa Mercado acollerá unha taberna ao longo de todo o día. Catas de cervexas, viños e unha ampla gama de produtos gastronómicos. Ao longo destas dúas semanas sucederanse as exposicións e venda dos máis diversos alimentos e bebidas. Sidra e verduras ecolóxicas, ovos de Mos, embutidos, queixos, chocolates, cafés, lácteos, turróns, pans, bolos, cogomelos etc ofreceranse nos postos habilitados especialmente para a ocasión.
O programa para a xornada de mañá mércores inclúe, ao longo de toda a mañá, a mostra de produtos de confeitería e repostería a cargo de firmas como Chaná e a panadería Milagros. Tamén se poderá ver en vivo a elaboración dun queixo con marmelo da coñecida firma local O Bidueiro. Xa ao longo da tarde o traballo dos cociñeiros centrarase na elaboración de tapas mariñas, nas que os peixes e as algas marcarán a pauta. Tamén haberá unha cata de cervexas e de queixos (10 € persoa). Os chamados after works serán o mellor xeito para aprender a elaborar os petiscos máis apetecibles de xeito totalmente artesanal, sempre primando os produtos autóctonos da zona.
Os venres os hostaleiros locais serán quen poñan de manifesto o seu bo facer, sendo eles e elas as que se poñan á fronte dos fogóns e organicen xornadas temáticas cheas de sorpresas. Música ambiente en vivo; DJ Sessions; master classes; demostracións; catas de produtos locais, viños e queixos e outras sorpresas serán outros dos atractivos para acudir a este novo escenario para tomar algo. Ademais tamén están previstas actividades lúdicas para nenos e nenas.
Os sábados pola noite terán lugar as sesións beermú. Nelas xa teñen confirmada a súa participación cociñeiros de vangarda pertencentes a Grupo Nove, CocinaCoruña, Hotel Finisterre etc.
Vaiá Praza está organizado por distintos profesionais hostaleiros de Ordes agrupados baixo o nome de Mordes. Conta co patrocinio de Citroën e coa colaboración do Concello de Ordes, a Asociación de Comerciantes de Ordes e As Puntadas, entre outros.