spacer
 Premio Exceleite 2017 para María del Carmen Iglesias Veiras, veciña de Castenda (Parada)

Acadou o primeiro posto na categoría grupo mediano-semiextensivo. Un total de 5000 explotación optaban a estes galardóns outorgados por Medio Rural, que recoñecen o labor e a calidade no ámbito hixiénico-sanitario 

O Concello de Ordes, e en especial a área de Media Rural dirixida por Ana Soneira, felicita á súa veciña de Castenda (parroquia de Parada) María de Carmen Iglesias Vieiras polo primeiro premio Exceleite 2017 na categoría grupo mediano-semiextensivo. Un recoñecemento outorgado pola Consellería de Medio Rural na primeira edición destes galardóns, que recoñecen e exaltan o labor e a calidade das mellores explotacións galegas no ámbito hixiénico-sanitario. 

     “Ordes sempre destacou polos niveis de produción e pola calidade do seu leite”, indica Ana Soneira. “Para o noso concello, e especialmente para a miña concellería, é unha prioridade e unha da nosas máximas preocupacións manter estas estatísticas. Nos últimos anos o sector  sufriu importantes variacións, en gran medida dadas polos distintos mercados internacionais e a reestruturación do sector a nivel europeo. Dende o Concello de Ordes pretendemos paliar os inconvintes que isto poida ocasionar traballando coordinada e conxuntamente coa Xunta de Galicia. Tamén tomando outras medidas como é a redución de impostos municipais, como é o caso do ICIO para aquelas explotacións da zona que queiran investir na súa mellora e modernización. Hai que ter claro que investir no rural, no noso caso, é investir en futuro”, asegura Soneira.
     Preto de 5.000 granxas galegas inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi), e en disposición de usar o distintivo de calidade Galega 100%, optaban aos premios Exceleite 2017.       Das 50 finalistas 20 recolleron os seus galardóns. Promovidos por la Xunta en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análises do Leite (Ligal), veñen a ser unha demostración pública “do bo facer dos nosos gandeiros e gandeiras que todos os días teñen a firme convición da busca da excelencia na produción leiteira na nosa terra”. Así o manifestou a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, na gala de entrega celebrada onte no pazo de Cores, no concello da Baña. “Son un exemplo a seguir para darnos conta de que dende o noso campo podemos xenerar produtos de gran calidade e cunhas características organolépticas inigualables”, explicou.
Líder nacional
A titular de Medio Rural tamén destacou que “a día de hoxe o leite galego véndese ao mellor prezo dos últimos 3 anos, con 31,1 céntimos/litro no último mes, ademais de estar medrando os seus valores de grasa e proteína”. En relación con situacións pasadas Ánxeles Vázquez sinalou que “hoxe en día o sector lácteo da nosa comunidade se consolida como líder nacional, producindo arredor do 40% do total español, concentrando o 56% dos gandeiros do Estado e xenerando uns 1.000 millóns de euros anuais en volume de negocio. Tamén tivo palabras de recoñecemento para os e as profesionais da Ligal, así como para os veterinarios, veterinarias e técnicos da consellería.