Debido á demanda rexistrada o Departamento de Deportes municipal abre un novo grupo cuxo horario será de 17.30 a 18.30 horas. As clases serán de balde para persoas a partir dos 8 anos. Terán lugar o 25 de novembro e o 2 e 16 de decembro

Debido ao gran número de solicitudes e ao interese manifestado pola convocatoria dun ciclo gratuíto de masterclass de iniciación ao tríatlon o Departamento de Deportes do Concello de Orde vén de organizar un novo grupo. O horario das sesións desta nova convocatoria terá lugar de 17.30 a 18.30 horas, tamén durante os días 25 de novembro e 2 e 16 de decembro.

     A actividade está dirixida a todas as persoas interesadas a partir dos 8 anos de idade, para as que xa está  aberta a inscrición na piscina Iván Raña. Como máximo poderán participar 15 persoas por cada grupo (30 en total), estando o primeiro deles, cuxo horario vai de 16.30 a 17.30 horas, completo.

     Segundo o estipulado no programa o 25 de novembro realizaranse exercicios de auga, con técnicas específicas nas catro modalidades, ademais de traballar aspectos relacionados coa velocidade e a transición de auga a bicicleta. O 2 de decembro a sesión centrarase na bicicleta, no modo de pedaleo e exercicios técnicos (20´). Por último, o 16 de decembro mellorarase a transición de bicicleta a carreira, ademais de exercicios de velocidade curtos, técnicas de carreira, estiradas e finalización (15´). 

     O material necesario para estas clases será: traxe e gorro de baño, lentes, bici, casco, guantes, roupa de ciclismo e zapatillas deportivas.

     As sesións de masterclass de tríatlon están organizadas polo Departamento de Deportes do Concello de Ordes en colaboración co Club Ciclista Riazor.

Ampliado o horario das sesións masterclass gratuítas de iniciación ao tríatlon