Máis de 30 mulleres participan nesta iniciativa posta en marcha polo CIM da Mancomunidade de Ordes. Na súa visita de hoxe estiveron acompañados por José Luis Martínez Sanjurjo e Susana García.

Esta maña o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitaron a vila de Ordes. Acompañados polo alcalde do municipio, José Luis Martínez Sanjurjo, e a concelleira de Benestar Social e deputada provincial, Susana García, comprobaron de primeira man o desenvolvemento do curso de defensa persoal e autocapacidades ante situacións de violencia machista que hoxe e o venres se imparte na vila ordense. Unha ferramenta que non só se basea no aspecto físico senón tamén no emocional e psicolóxico.

    A dita actividade está sendo executada polo CIM da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, adherida á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, e nela están inscritas 34 mulleres. Organizada pola Administración autonómica, estase a levar a cabo en colaboración coa Federación Galega de Loita, a través da que se está a formar a máis de 500 mulleres  en todo o territorio galego. Abegondo, Frades, Teo, Mancomunidade do Ribeiro, Nigrán, Crecente, Mancomunidade de Conso-Frieiras, Ribeira, Cenlle, Padrón, Mugardos, Chantada, Carballo, Cerdido, Muxía, Tordoia, Muros, Rábade, Arteixo, Valdoviño, Piñor, Viveiro, Barreiros e Moraña son estes lugares.

Continuidade

 Ante os distintos medios que acudiron hoxe a Ordes o rexedor local agradeceu a presenza do vicepresidente da Xunta e animouno a seguir investindo en políticas de igualdade. Tamén manifestou o seu desexo “de que ningunha   muller teña que poñer en práctica as técnicas aprendidas hoxe”. Rueda avanzou a súa intención de continuar realizando “cursos deste tipo” e animou a todas as mulleres que o consideren necesario a participar neles, acudindo ao concello ou mancomunidade máis próxima onde se convoquen no caso de que non os haxa no seu lugar habitual de residencia.

    Pola súa banda tanto Susana García como  Susana López Abella animáronse a poñer en práctica algunha das técnicas impartidas na sesión, iso si, baixo a supervisión do instrutor. 

     No mes no que se  conmemora o Día contra a violencia de xénero (o próximo 25 de novembro), tanto o Goberno galego como o Concello de Ordes insisten na necesidade de acadar o compromiso de toda a cidadanía para loitar contra a lacra da violencia de xénero, un esforzo que é preciso estender a todos os días do ano.
 

O vicepresidente da Xunta e a secretaria xeral de Igualdade comproban en Ordes o bo funcionamento do curso de defensa persoal ante situacións de violencia machista