Contará con 20 alumnos/as-traballadores/as que desenvolverán funcións de auxiliares de albanelería e xardinería. As persoas interesadas xa poden tramitar a súa solicitude na oficina de emprego 

Dende esta semana xa se poden consultar as bases para a selección do alumnado e persoal do obradoiro de emprego Ordes-Frades II. As persoas interesadas nesta convocatoria poden acceder a toda a información a través da páxina web do Concello de Ordes (www.ordes.gal), así como das súas redes sociais (Facebook e Twitter).
     Subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e promovido polos concellos de Ordes e Frades o dito obradoiro é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupación das persoas desempregadas. O investimento total é de 334.845 €, dos cales case 280.000 € achégaos o ente autonómico, 24.500 o Concello de Frades e 28.000 € o de Ordes. 
     A súa duración prevista será de 9 meses e habilitaranse un total de 20 prazas para alumnos/as traballadores/as. Delas 10 serán para auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, e outras tantas para auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. En total 12 correspóndenlle ao Concello de Ordes e as 8 restantes ao de Frades. No que respecta ao persoal do obradoiro contémplase a contratación dun/ha director/a, 1 mestre/a para cada especialidade, 1 titor/a-docente de ensino básico e 1 auxiliar administrativo/a.

Obradoiro de Emprego ORDES-FRADES II

Actuacións
Segundo o programa previsto as actuacións que se levarán a cabo serán o acondicionamento da antiga escola de Parada; dos locais sociais do Mesón do Vento e Vedral; do contorno da estación da Pontraga (ademais da instalación dun aseo) e do local social de Papucín; da parcela situada entre as rúas de Frades e Cerceda; do parque infantil Pilar Martínez Viqueira; do paseo fluvial Ramiro Recouso Liste; das prazas de Añá (incluídas as súas inmediacións), Moar e Ponte Carreira. Tamén se inclúe o mantemento e a conservación das áreas recreativas da Ponte Carballa, Os Pasos e a da Presa (2ª fase).
     As persoas interesadas en formar parte do proceso de selección xa poden pasar pola oficina de emprego de Ordes para apuntarse, tendo como data límite para o seu rexistro ata o vindeiro 26 de outubro no caso do alumnado. Daráselles prioridade a aquelas persoas maiores de idade dos ámbitos dos concellos de Ordes e Frades en situación de desemprego. É necesario que estean rexistradas no Servizo Público de Emprego de Galicia e que carezan de ocupación remunerada. Poderanse excluír do proceso selectivo aquelas que xa participaran anteriormente nunha escola-obradoiro ou obradoiro de emprego. 
    
     Unha vez ditada a resolución de concesión de subvención tramitarase a oferta na oficina de emprego de Ordes para logo proceder á selección definitiva dos candidatos e candidatas, tanto do alumnado como do persoal directivo, docente e administrativo.