spacer
Charla-proxección de O final do Camiño

Terá lugar o vindeiro venres, 20 de outubro, ás 20 horas, na Casa da Cultura e a entrada será de balde para todas as persoas que queiran asistir

O vindeiro venres, 20 de outubro, terá lugar a charla-proxección sobre a película O final do Camiño. Concretamente será no auditorio da Casa da Cultura ás 20 horas e a entrada será de balde.
     Deste xeito preténdese achegar ao público xeral un capítulo de grande importancia da historia de Galicia como foi a construción da Catedral de Santiago, así coma unha oportunidade para descubrir o sector audiovisual galego.

     O evento contará con distintos profesionais que participaron na serie, e que serán os encargados de explicar o proceso de creación, desde os guións e os vestiarios ata as técnicas de produción, dirección, iluminación, decoración ou post-produción. Un relatorio que se complementará co making off realizado especialmente para este ciclo que transcorrerá por 14 lugares de toda Galicia. Este está organizado pola Deputación da Coruña, e conta coa colaboración de Voz Audiovisual. 
     
     O final do Camiño foi integramente rodada en Galicia, recreando tanto a cidade de Santiago de Compostela coma outras urbes españolas e marroquís a través de diferentes escenarios, decorados naturais e efectos visuais. En total, utilizáronse 20 localizacións diferentes, que contribuíron a difundir a riqueza paisaxística galega entre os máis de 1,3 millóns de espectadores cos que contou cada capítulo da serie.