En total investíronse máis de 322.000 € no tramo que vai dende o Hospital de Bruma a Santiago, dos cales máis do 53% correspondéronlle ao municipio. José Luis Martínez Sanjurjo e Xosé Manuel Rodríguez, concelleiro de Comercio, acompañaron a Ovidio Rodeiro no seu percorrido.

Esta mañá o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, percorreu parte do Camiño Inglés ao seu paso por Ordes. En todo momento estivo acompañado polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo e o concelleiro de Comercio, Xosé Manuel Rodríguez.

Unha visita realizada co fin de comprobar de primeira man as actuacións englobadas no plan de mellora para a adaptación e a delimitación do trazado oficial da dita vía, a cal foi establecida no ano 2014. Dita intervención supón un investimento de 171.500 euros en total destinados á apertura de explanadas e cunetas; o afirmado do percorrido con zahorra; instalación de pasos de auga e obras de drenaxe; retirada, reparación e recolocación das sinais existentes; colocación de novos indicadores, placas de quilometraxe e cunchas cerámicas, ademais do control arqueolóxico de todo o proceso.

No conxunto do Tramo II ao que pertence Ordes, e que une o Hospital de Bruma con Santiago, o investimento superou os 322.000 euros, dos que ao concello de Ordes correspondeulle un 53,17% do total. A actuación está enmarcada dentro do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago que, aliñado coa Estratexia do Turismo de Galicia 2020, marca a folla de ruta coa que a Xunta traballa de cara á organización do vindeiro Xacobeo 2021.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou da importancia que supón “ser conscientes de que o Camiño é un dos principais reclamos turísticos para Galicia, un gran imán que cada ano atrae ata a Comunidade a un maior número de peregrinos, polo que a administración autonómica está comprometida coa súa revalorización e promoción, como demostran estas obras”.

Pola súa banda Martínez Sanjurjo fixo referencia “ao alto nivel de colaboración que está brindando a Xunta de Galicia á hora de mellorar e promocionar o Camiño Inglés” e compartiu a súa impresión de que “seguro será un dos principais puntos de interese turístico non só do concello senón de toda a comarca”. O rexedor ordense vinculou esta intervención con otras previstas. Este é o caso das obras do futuro albergue de peregrinos que se realizarán “a pé do camiño, na parroquia de Poulo, e que darán comezo en datas moi próximas”.

O delegado territorial da Xunta supervisa a intervención levada a cabo no Camiño Inglés ao seu paso por Ordes