Trátase dunha iniciativa organizada pola Deputación, coa que se pretende concienciar e sensibilizar sobre a violencia de xénero. A xornada centrouse no correcto uso das TIC.

Ordes é, dende esta semana, lugar de parada para os organizadores e participantes do programa Quen dixo medo? Trátase dunha iniciativa de concienciación e sensibilización contra a violencia de xénero, que no caso de Ordes consta de obradoiros e contacontos para alumnado de educación infantil, e xornadas temáticas centradas nas TIC para estudantes de 4º da ESO. A iniciativa está organizada e levada a cabo pola área de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña.
     No caso do municipio ordense os primeiros en participar foron os mozos e mozas do IES Maruxa Mallo. Calquera persoa pode seguir o dito programa e obter información a través da páxina web www.quendixomedo.gal, ou ben a través de https://www.facebook.com/qdmedo/. 
     Entre os obxectivos máis inmediatos a acadar figuran o de desenvolver accións de sensibilización para a prevención da violencia de xénero, desmontar os mitos e estereotipos en torno á violencia para apostar pola responsabilidade social, visibilizar o fenómeno e informar sobre el para tomar conciencia e actuar, fomentar o cambio de crenzas e actitudes e implicar ao respecto a toda a poboación. Tamén se pretende dotar á poboación dos mecanismos, coñecementos e habilidades precisas para detectar as diversas manifestacións da violencia de xénero e actuar de xeito contundente contra ela. 

O alumnado do Maruxa Mallo inaugura as actividades  do programa Quen dixo medo? en Ordes