spacer
Ordes e Veracruz dan o primeiro paso para a creación de vínculos comerciais estables

Martínez Sanjurjo mantivo unha xuntanza de traballo co Consello Coordinador Empresarial da zona de cara ao establecemento de sinerxías de conómicas e empresariais. ExpoOrdes 2018 acollerá un espazo informativo e de intercambio multisectorial entre ambas comunidades

José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, mantivo unha xuntanza con importantes empresarios e representantes do sector comercial e industrial da área de Veracruz (México). Este encontro celebrado co Consello Coordinador Empresarial englóbase dentro da axenda de traballo prevista para o rexedor e os edís de Comercio e Medio Ambiente, José Manuel Rodríguez e Ana Soneira respectivamente. 
     Tamén estiveron presentes Xesús Pedreira, da agrupación socialista de Ordes, así como Ángel Maldonado, rexedor terceiro do municipio de Vercruz. Outros nomes propios foron os de Sandra Isabel Vázquez, presidenta da Asociación Mexicana de Mulleres Empresarias; José Manuel Urreta, presidente del Consejo Coordinador Empresarial de Veracruz-Boca del Río; Juan José Sierra Álvarez, presidente de COPARMEX, ademais de Santiago García Mirás, director adxunto do Grupo Ramón García, que posúe sede en México (Toluca).
     “O principal obxectivo desta iniciativa é o establecemento de sinerxías que permitan establecer vínculos comerciais entre Ordes e Veracruz”, declaou Martínez Sanjurjo quen, entre outros temas, falou tamén do parque empresarial de Ordes e da súa excelente situación e redes de comunicación tanto por vía terrestre como pola proximidade do porto da Coruña. Tamén resaltou a situación loxística que o municipio posúe dentro da provincia, ademais de facer unha presentación das empresas máis importantes e con proxección internacional que están asentadas na localidade ordense dende hai anos. Por suposto tamén falou do sector primario e do peso específico que ten a producción comarcal dentro do mercado. 

Ordes e Veracruz dan o primeiro paso para a creación de vínculos comerciais estables

ExpoOrdes 2018
Un dos acordos pechados no día de onte foi a presenza de Veracruz en ExpoOrdes 2018, onde terá un posto propio que se manterá ao longo das vindeiras edicións. Nel ofrecerase todo tipo de información sobre aspectos turísticos, empresariais, industriais, ademais de ser un espazo que propicie o intercambio multisectorial entre ambas comunidades. 
     As visitas culturais ocuparon o resto da xornada, sen que a estela de Isabel Zendal se deixara de notar. Así foi tanto no percorrido polo arquivo histórico, onde puideron ver e analizar documentos relacionados coa erradicación da varíola no continente, como na súa estancia no Museo Naval. Novamente o rexedor terceiro Ángel Maldonado exerceu de anfitrión para a comitiva ordense.