spacer
Ordes e Veracruz asinan o seu irmandamento

O acto solemne da sinatura, encabezado polos alcaldes de ambos os municipios, tivo lugar no Palacio Oficial. O acordo, centrado na figura de Isabel Zendal, establece mecanismos para o desenvolvemento e fortalecemento da cooperación bilateral de cara á execución de diversos proxectos

A vila de Ordes e a cidade de Veracruz (México) xa están unidas por lazos de irmandamento. Así o asinaron onte xoves nunha sesión solemne que tivo lugar na Sala do Cabido do Palacio Oficial de Veracruz. O acto oficial estivo presidido polo rexedor mexicano, Ramón Poo Gil e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. 
     “Traio tamén unha mensaxe de agradecemento por todo o que México ten feito por nós, por España e por Galicia, en tempos recentes e tamén nun pasado máis remoto” afirmou Martínez Sanjurjo tras expresar as súas condolencias polos últimos terremotos. Recoñeceuse conmovido polo feito de que  a filla predilecta de Ordes, “Isabel Zendal constitúa unha das razóns que animan a este irmandamento”, ademais de sentir vergoña histórica “na medida de que sempre gozou de maior  coñecemento e recoñecemento en México que en España”. Lamentou que 200 anos despois da expedición Balmis, que salvou a un número incalculable de persoas dunha morte segura por mor da varíola, a día de hoxe “esta gran epopea siga sendo unha gran descoñecida para a inmensa maioría da xente do meu país”. Tamén agradeceu o labor de Xesús Pedreira e de historiadores como Antonio López, ou de escritores como Javier Moro, Almudena Arteaga ou María Solar por tratar de reverter a dita situación.
Enfermeira histórica

 “Que a cidade de Veracuz, na que Isabel Zendal viviu algúns anos antes de desprazarse a Puebla, onde finaría, recoñeza con tal intensidade a figura da que está considerada como a primeira enfermeira da historia en misión internacional, honra a esta urbe e aos seus dirixentes, porque demostran coñecemento e sensibilidade respecto ao pasado”, concluíu Martínez Sanjurjo.
     Pola súa banda o alcalde de Veracruz, Ramón Poo Gil, asegurou “que así como en el pasado, las historias de Veracruz y de Ordes se han entrelazado para la construcción de un mejor futuro para sus pueblos y con este hermanamiento, se abren las puertas al fortalecimiento de los lazos de colaboración y coordinación entre ambas ciudades”. No seu discurso tamén fixo alusión “á relevancia histórica e á axuda prestada por Isabel Zendal Gómez á poboación mexicana ao formar parte da Real Expedición Filantrópica da vacina contra a varíola, a cal se viu seriamente afectada pola praga durante o século XIX”.
     De maneira especial o Concello de Veracruz recoñeceu como visitantes distinguidos tanto ao alcalde de Ordes como ao ex-concelleiro Xesús Pedreira, que recibiron de mans do Presidente Municipal unha insignia do escudo de armas da cidade porteña. De igual xeito tamén foron distinguidos o resto da comitiva ordense na que figuran os concelleiros Ana Soneira e José Manuel Rodríguez, ademais das esposas deste último e do alcalde, Sandra del Río e Lucía Domínguez. Asemade tamén se entregou un recoñecemento a Vicente Rodríguez Couceiro, residente en Veracruz e oriúndo de Ordes, quen contribuíu en gran medida con este irmandamento e finado recentemente.
Cooperación 
O irmandamento entre Ordes e Veracruz leva implícito un acordo a través do que se establecen mecanismos de cooperación para contribuír ao desenvolvemento de ambos os pobos en materia educativa, cultural, turística, deportiva, de innovación e investigación, ademais do avance tecnolóxico e comercial. As modalidades sinaladas para cumprir tales obxectivos pasan, entre outros, pola promoción e difusión; o intercambio de misións empresariais e de contidos informativos, documentais e materiais; organización de seminarios e espazos de encontro; estudos e investigacións conxuntas; intercambio de técnicos, especialistas e profesionais; formación e captación de recursos humanos. 
     O marco xeral acordado cotempla Programas Operativos Anuais cuxos obxectivos e actividades, así como o calendario de traballo, a asignación de recursos, os mecanismos empregados etc serán precisadas previamente, estando vixente o compromiso de establecer este primeiro programa ao longo dos dous vindeiros meses.
Primeira Rexión Naval

Ordes e Veracruz asinan o seu irmandamento

 Ademais da sinatura da acta de irmandamento, acto central desta visita institucional ao país americano, a axenda de onte incluíu a un almorzo con membros da Primera Rexión Naval. Alí tiveron a oportunidade de falar, entre outros temas, do Soldado Lois, fillo predilecto de Ordes e condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando. Ademais tamén tiveron ocasión de facer un percorrido pola zona de Puerta del Mar na compaña de mandos militares, do alcalde Ramón Poo Gil e do rexedor terceiro Ángel Maldonado.