spacer
Ordes e Veracruz analizan a posible creación do premio Isabel Zendal

A comitiva ordense mantivo un encontro con representantes universitarios da zona onde, entre outras cuestións, se abordou o intercambio de estudantes. Hoxe terá lugar o acto de irmandamento entre ambas as localidades

O  alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e a comitiva que o acompaña na súa viaxe a Veracruz (México) continúan coa súa axenda de actos e encontros.  A xornada deste pasado mércores, 4 de novembro, arrancou cunha reunión á que asistiron, entre outros, os principais representantes das universidades da zona. Neste encontro abordáronse distintos aspectos relacionados coa figura de Isabel Zendal. 

     Xesús Pedreira, secretario xeral da agrupación socialista de Ordes, foi o encargado de levar a cabo a exposición nesta xuntanza. Entre outros aspectos falouse da creación dos premios Isabel Zendal en recoñecemento a aqueles traballos de campo ou experimentais de fin de grao ou de mestrado universitario en relación coa vacinación. Uns premios que ben poderían ter carácter hispano mexicano ou incluso internacional.

     Tamén se abordou a creación de vínculos de intercambio de estudantes e graduados no eido da medicina e a enfermería entre estes centros e a Facultade de Enfermería da USC. “A Unidade de Vacinas  do servizo de pediatría, recoñecida polas súas investigacións a nivel europeo, podería facilitar a estancia mediante bolsas ou axudas”, manifestou Pedreira.

Recuperación Centro Histórico

     Tras este encontro, e sempre acompañados por Ángel Maldonado, rexedor terceiro de Veracruz, todos os representantes do Concello de Ordes, entre os que tamén están os edís Ana Soneira e José Manuel Rodríguez, acudiron á presentación do Proxecto de Recuperación do Centro Histórico de Veracruz. Manuel Ruiz Falcón, director do Centro Histórico, explicou no mesmo Palacio Municipal o plan co que se pretende rehabilitar e revitalizar áreas da cidade costeira, na que se manteñen edificacións de máis de 400 anos de antigüidade.

     A parte máis lúdica da xornada chegou coa visita a San Juan de Ulúa, onde fixeron un intereresante percorrido polo seu patrimonio histórico e museos arqueolóxico. 

      Xa para hoxe está previsto o irmandamento entre Veracruz e Ordes. Trátase do acto principal desta viaxe e estará presidido por Ramón Poo, alcalde da localidade, ademais do rexedor ordense. Como non pode ser doutro xeito Isabel Zendal, figura vertebradora deste achegamento, estará presente ao longo de toda a cerimonia. Algo con que se espera promover e dar a coñecer aínda máis o nome e o labor desempeñado por esta veciña ilustre de Ordes, nacida na parroquia de Parada, e figura imprescindible na erradicación da varíola ao longo século XIX, formando parte da expedición filantrópica organizada polo doutor Francisco Xavier Balmis. De feito está considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en participar nunha expedición mundial.

Ordes e Veracruz analizan a posible creación do premio Isabel Zendal

     Neste día tamén haberá un almorzo na Primeira Rexión Naval, no que a figura do Soldado Lois será un dos principais aspectos a resaltar por Martínez Sanjurjo. Outro dos obxectivos do alcalde e os seus acompañantes é o de manter contacto cos veciños e veciñas de Ordes, así como cos seus descendentes, residentes a día de hoxe en Veracruz ou nas súas proximidades.