O acto oficial terá lugar o vindeiro 4 e outubro no municipio mexicano. A el asistirá unha comitiva encabezada polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo.

Os Concellos de Ordes e Veracruz (México) asinaran oficialmente o seu irmandamento o vindeiro 4 de outubro. Un acordo que ten como eixe vertebrador a figura de Isabel Zendal, nada en Ordes e finada en México, país ao que arrivou no porto de Veracruz. 

   O acto oficial terá lugar no mesmo municipio de Veracruz, e nel participarán os alcaldes de ambas as localidades. José Luis Martínez Sanjurjo, rexedor ordense, acudirá acompañado dunha comitiva na que figuran os edís de Medio Rural e Comercio, ademais de Xesús Pedreira, secretario da agrupación socialista ordense, e quen iniciou os trámites do recoñecemento na súa localidade natal da figura de Isabel Zendal.

    O programa inclúe toda unha serie de encontros e eventos, os cales se desenvolverán ao longo de varios días. Entre eles destacan as xuntanzas con reitores universitarios, co persoal e mandos da Primeira Rexión Naval e co Consello Coordinador Empresarial. Encontros que Martínez Sanjurjo aproveitará para dar a coñecer e promocionar o municipio e a comarca ordense, así como para promover a actividade económica e establecer vías de contacto permanentes. Ademais disto tamén están previstos contactos coa poboación ordense emigrada en territorio mexicano.
Referencia académica     
Con esta sinatura faise realidade a idea manifestada xa en decembro de 2016, data na que Ángel Maldonado Rodríguez, rexedor terceiro de Veracruz, visitou Ordes e a parroquia de Parada, lugar natal de Isabel Zendal. Unha viaxe motivada, tal e como lle explicara a José Luis Martínez Sanjurjo “por la lucha del sindicato de enfermeras de Veracruz, que quieren que sus estudios se conviertan en licenciatura y que enarbolaron como bandera la figura de Isabel Zendal, pues entró a México por el puerto de Veracruz y fue la que puso las primeras vacunas, por lo que cuando descubrimos que era originaria de Ordes quisimos ponernos en contacto con su pueblo natal”.

   Dende o Concello de Ordes este irmadamento non só supón o  achegamento de ambos pobos, senón tamén unha importante iniciativa para dar a coñecer a figura e o labor desenvolvido por Isabel Zendal na erradicación da variola ao longo século XIX, formando parte da expedición filantrópica organizada polo doutor Francisco Xavier Balmis. 

    O pasado 30 de novembro, día do 213 aniversario da partida dende a Coruña da dita expedición, o Pleno de Ordes concedeulle de maneira unánime o título de filla predilecta a esta veciña da parroquia de Parada, a cal está considerada pola Organización Mundial da Saúde como a primeira enfermeira da historia en participar nunha expedición mundial. A súa actividade e entrega supuxo a salvación para un número incalculable de persoas de lugares como América, Filipinas, Portugal ou Indonesia, entre outros.