spacer
A Mancomunidade aproba a Conta Xeral de 2016

O  pasado exercicio o ente manexou un orzamento de máis de 1.242.000 €. Rexistrado un remanente actual de case 450.000 €
 
O Pleno da Mancomunidade de Ordes aprobou a Conta Xeral  do exercicio 2016. Un período no que o ente supramunicipal manexou un orzamento de máis de 1.242.000 euros. En  base a esta cantidade hai que sinalar unha execución do 96% no apartado de gastos e dun 97% dos ingresos. O resultado orzamentario ascende a 10.271,20 mentres que o remanente sitúase en case 450.000 euros. A dita xestión así como a situación económica actual cumpre coa Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira.

    A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes é das máis antigas de toda Galicia, constituíndose no ano 1976. A día de hoxe está composta polos municipios de Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Trazo, Oroso e Tordoia, atendendo a unha poboación que rolda as 37.000 persoas en total. 

    Entre outros servizos mancomunados figuran Servizos Sociais de Atención Primaria, os cales se desenvolven nos ámbitos da terceira idade; muller; inmigración; familia, infancia e mocidade, inclusión social; discapacidade e dependencia. Tamén  cómpre sinalar o Centro de Información á Muller, a Oficina de Fomento Cooperativo, Atención temperá, Animación sociocultural, Orientación laboral e axente de emprego, Educación familiar e Servizo de Normalización Lingüística.