spacer
Entrega de diplomas do programa Deseñando o teu futuro

Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado encabezou este acto, asegurando “tomar boa nota do grande interese rexistrado en toda a comarca para as futuras convocatorias”
Cecilia Vázquez Suárez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, fixo entrega esta mañá dos diplomas ás persoas participantes do programa Deseñando o teu futuro. En colaboración coa Consellería de Política Social a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes desenvolveu esta iniciativa formativa e laboral durante a época estival, na cal participaron máis de 40 mozos e mozas con idades entre os 14 e os 18 anos. 
     Iolanda Otero, subdirectora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; Roberto Rey, presidente de Mancomunidade de Ordes; José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; Susana García, concelleira de Educación de Ordes e Manuela González, edil de Cultura de Tordoia foron outros dos asistentes ao acto. Tras as felicitacións e os datos achegados por Roberto Rey durante a súa intervención, Cecilia Vázquez asegurou “tomar boa nota do alto nivel de participación desta comarca para futuras convocatorias”. 

Entrega de diplomas do programa Deseñando o teu futuro

     Nesta segunda edición de Deseñando o teu futuro contabilizáronse máis de 100 solicitudes. Tal foi así que ademais das quince prazas subvencionadas pola Consellería de Política Social dende a Mancomunidade sufragáronse máis de vinte e cinco. 
     Carpintería metálica e de madeira, automoción, panadería, sector lácteo, deporte, seguridade, deseño gráfico, panadería, electricidade, audioloxía, mecánica, moda e comercio, fisioterapia, veterinaria, hostalaría, industria madeireira, agricultura ou administración son algunhas das áreas nas que puideron adquirir coñecementos e mellorar o seu nivel de aprendizaxe. Deste xeito contribúese á formación da mocidade para que adquiran coñecementos e habilidades que axuden a completar o seu desenvolvemento tanto persoal como  profesional. Facilítase así un primeiro contacto co ámbito laboral no seu contorno máis inmediato.