Tras ser retirada a semana pasada a única alegación presentada, o BOP de hoxe fai pública a súa entrada en vigor
O BOP de hoxe martes, 12 de setembro, publica a aprobación definitiva dos orzamentos municipais de Ordes, os cales ascenden a 9.098.172,84 €
     No apartado de gastos especifícanse 3.765.362,26 € para gastos correntes en bens e servizos; 2.093.250,27 € en gasto de persoal; 1.841.914,81 € en investimentos reais; 889.690,35 € en pasivos financeiros; 472.295,22 € en transferencias correntes e 35.659,93 € en gastos financeiros. No cuadrante de ingresos 2.914.928,73 € son de impostos directos; 67.000 € de impostos indirectos; 1.405.059,46 € de taxas, prezos públicos e outros ingresos; 3.108.242,09 de transferencias correntes; 73.853,68 de ingresos patrimoniais; 1.172.103,21 de transferencias de capital e 356.985,95 € de pasivos financeiros.
     Os ditos orzamentos foron debatidos o pasado 8 de xuño e vinculados a unha cuestión de confianza unha semana máis tarde. Finalmente estes foron aprobados inicialmente o pasado 19 de xullo. A única alegación ás contas, presentada por UxO, foi retirada durante o pleno extraordinario da semana tras a presentación dun informe dos técnicos municipais no que se advertía sobre a posibilidade de incorrer nun delito de prevaricación no caso de continuar pola dita vía. Aínda así, o ex-alcalde presentou un informe xurídico en contra desta interpretación.