A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta semana co alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, así como cos outros rexedores dos municipios de Boimorto, Mesía, Ordes, Trazo, Tordoia e Frades. O principal punto a tratar nesta xuntanza foi a posta en coñecemento das obras que se van acometer nos seus territorios no marco do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2017. O orzamento previsto para o arranxo de vías e pontes na área da comarca ascende a un total de 405.377,29 euros. Desta cifra 60.455,84 euros destinaranse ao acondicionamento do camiño que leva a Lavandeira de Abaixo, obra que se agarda esté rematada antes de finalizar o ano.
Ángeles Vázquez destacou a importancia destas obras, que contribúen ao desenvolvemento do rural galego e permiten facilitar as comunicacións dos veciños, así como dotar á poboación dos servizos básicos necesarios para contar cunha boa calidade de vida. Neste senso, a conselleira sinalou que o Plan de Infraestruturas Rurais atende precisamente a aquelas actuacións solicitadas polos propios concellos e que contribúen a un correcto desenvolvemento do agro.
Os demais proxectos contemplan a ampliación da ponte Boado sobre o río Tambre, no límite municipal entre os concellos de Mesía e Boimorto, cunha axuda de 143.816,53 euros. Desta forma pasará de 4 a 8 metros de ancho para que poidan pasar simultaneamente camións ou vehículos. Tamén se vai refacer a ponte sobre o río Maruzo, en Frades, cun orzamento de 80.715,11 euros.
No concello de Trazo, a obra consistirá na mellora de acceso ao lugar de A Baixa eliminando as fochancas a través de tratamento asfáltico, para o que contará cunha achega de 59.949,35 euros. Finalmente, tamén se arranxarán dous camiños no concello de Tordoia, parroquia de Gorgullos, que supoñen un orzamento de 60.440,46 euros.
Deste xeito preténdese seguir contribuíndo a aumentar a calidade de vida dos veciños do rural ao facilitar a súa mobilidade. Para iso a Consellería do Medio Rural dispón non só do PIR, dotado con 4,2 millóns de euros, senón tamén do Plan marco de mellora de camiños municipais cun orzamento de 16 millóns de euros para dous anos, o que fai un investimento superior aos 20 millóns de euros en toda Galicia.

MÁIS DE 60.000 € PARA O ACONDICIONAMENTO DO CAMIÑO DE LAVANDEIRA DE ABAIXO