spacer
O Día do Emigrante culmina as festas patronais de Ordes 

O matrimonio composto por Benigno Rey e Lourdes Portos foi o escollido este ano para protagonizar os actos de homenaxe á diáspora. O programa de hoxe inclúe tamén actuacións musicais e o concerto de Luar na Lubre

O Concello de Ordes vive hoxe o último día das súas festas patronais na honra a Santa María. Como cada ano esta última xornada os cidadáns do municipio homenaxean a todas aquelas persoas que tiveron que deixar atrás as súas familas e fogares en busca de oportunidades e dun futuro no estranxeiro.
     O matrimonio composto por Benigno Rey e Lourdes Portos foi o verdadeiro protagonista deste día. Naturais de Beán e Santa María de Moar (Frades) respectivamente, ata o seu regreso a finais de 2003 a súa foi unha vida de esforzo en Suíza, onde traballaron nos sectores da construción, hostalería e limpeza. Ambos estiveron arroupados pola súa familia, os membros do equipo do goberno local e os veciños e veciñas de Ordes na misa solemne desta mesma mañá. Na súa invocación a San Roque pediron tanto polas “familias2 como polas “persoas maiores para que nunca falte o seu exemplo e sabiduría nestes tempos de inquedanza e crise”
    O discurso do alcalde José Luis Martínez Sanjurjo estivo cheo de alusións e referencias aos máis necesitados obrigados ao exilio e a solicitar refuxio noutros países debido á fame, á súa identidade relixiosa ou mesmamente polas guerras. Destacou tamén a figura de Manuel García Gerpe, intelectual e político nado en Ordes en 1908, que despois da Guerra Civil foi conducido a un dos campos de concentración habilitados no sur de Francia. Finalmente emigrou a Buenos Aires onde finou no ano 47 do século pasado. O rexedor invito á reflexión sobre “a posibilidade de facer compatible o lexítimo dereito das nacións a preservar as súas fronteiras e a súa integridade territorial, coas arelas, e tamén os dereitos humanos, de tantos milleiros de refuxiados que aspiran a refacer as súas vidas e a vivir en paz, dentro do respecto á lei e aos costumes dos países de acollida”. Para rematar tamén tivo palabras de recordo para “todas e todos os emigrantes que pasan estas datas fóra dos seus lugares de orixe”, así como para a situación de Venezuela para os inmigrantes que residen no municipio ordense.

O Día do Emigrante culmina as festas patronais de Ordes 

Ofrenda floral
Tras isto chegou o momento da ofrenda floral no monumento situado a carón do Concello e erixido en recordo de toda a diáspora galega. En todo momento a Banda Municipal de Ordes foi a encargada de ambientar os momentos máis sinalados do acto. Minutos máis tarde daba comezo o concerto ofrecido pola mesma banda, seguido dunha animada sesión vermú a cargo da orquestra Alaska.
     Esta noite o broche final terá un marcado estilo folclórico coa actuación, a iso das 23 horas, de Luar na Lubre. O grupo escolleu a vila ordense para  conmemorar o seu XXX aniversario.  Ademais os integrantes da orquestra Alaska volverán a subir ao escenario para poñer, ben entrada a madrugada, o punto e final a estas festas patronais.