spacer
Día grande en Ordes na honra a Santa María

A vila celebra hoxe a festa da súa patroa con procesións, charangas, gaiteiros, verbena e moita festa e diversión
O pobo de Ordes botouse hoxe á rúa para celebrar as súas festas patronais na honra a Santa María. A liturxia marcou o inicio da xornada, cando a mediodía a misa solemne encheu a igrexa parroquial de feligreses e feligresas que acompañaron a imaxe da Santa en procesión ao longo da avenida Alfonso Senra. Como marca a tradición o equipo de goberno ao completo participou dela.
Tras isto deu comezo a festa propiamente dita. A Banda de Música Municipal de Padrón, a charanga da Asociación Musical o Recobio e os gaiteiros e cabezudos da Asociación Cultural Espadana encheron a alameda de diversión, música e alegría. Para acentuar este alegre ambiente cabe destacar a animada actuación da orquestra Galilea, a quenes se volve a agardar esta noite na sesión vermún, esta vez acompañados de Armonía Show. 
Pero ademais do casco urbano a foliada e a celebración chegou a outras zonas e barrios próximos. Merelle, Reboredo, Villaverde, Piñeiro,  Balado, Empalme, Darefe, Vidueiro, O Alto, Gosende, O Casal, Fraga da Galiña, Vilar, Espenica, Ceidón, Paraiso, Sar e as Casillas contaron coas actuacións durante a mañá da charanga O Recobio, Embruxo Gaiteiros e Sementes do arte. Á os gaiteiros da Asociación Cultural Espadana facían o mesmo polas rúas da vila.
Xa de cara a mañá mércores, 16 de agosto homenaxearase aos emigrantes. Tras a misa oficial das 13 horas levarase a cabo unha ofrenda floral  no monumento erixido a carón do Concello. Nesta ocasión os nomes propios destacados, e que representarán á diáspora ordense, son os do matrimonio composto por Benigno Rey e Lourdes Portos. Naturais de Beán e Frades, respectivamente, ata o seu regreso a finais de 2003, a súa foi unha vida de esforzo en Suíza, onde traballaron nos sectores da construción, hostalería e limpeza.  Neste día será a orquestra Alaska a que faga bailar a festeiros e festeiras tanto na sesión vermú como na verbena nocturna. Precisamente esa mesma noite, a iso das 23 horas, como broche final das festas, terá lugar unha actuación coa que Luar na Lubre conmemorará o seu XXX aniversario.  

Día grande en Ordes na honra a Santa María