A Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes presenta este ano un cartel cheo de novidades, no que se combina a tradición coas actuacións de grupos como Los Limones, Seguridad Social ou Luar na Lubre

Co pregón do actor Pablo Meijide o concello de Ordes inaugurou hoxe as súas festas patronais na honra a Santa María. Tal e como cabía esperar a retranca deste ben querido humorista, natural do municipio, despertou gargalladas e risas entre os veciños e veciñas que se achegaron á alameda de Ordes para darlle a benvida as súas festas. 
     Tras a súa intervención arrancou a actuación da orquestra Principal, a primeira en actuar este ano e que volverá a repetir pase esta noite, acompañada de Los Satélites. 
     Entre os que desfrutaron do momento estiveron os integrantes da Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes, así como todas e todos os membros do equipo do goberno local. Cada un deles e delas foi testemuña desta nova etapa dentro da historia das festas locais. Da man da dita asociación, organizadora do programa, por primeira vez se presentan unhas festas na que a variedade das actuacións, combinada coa tradición é o máis destacado.
     “Pretendemos cambiar o concepto e estilo que se viña dando nas festas patronais nos últimos tempos”, indica Isabel García, integrante e directiva da comisión de fetexos. “Queremos que a xente se implique máis na organización porque só así poderemos conseguir unhas festas de todos e de todas. Hai que cambiar a idea de que para ter éxito e divertirse hai que ter a presenza de orquestras con un elevadísimo caché. Apostamos porque isto non sexa así e de feito levamos traballado nisto todo o ano”.
     De cara a mañá luns, día 14, e a partir das 12.20 horas dende a alameda emitirase en directo un programa especial por parte da Cadena SER, por cuxos micrófonono pasarán importantes deportistas femininas como María Pena, Lara López, Alba ou Carla Diéguez. Tampouco faltará Benigno Rey Boo e a súa dona Lourdes Portos, homenaxeados este ano no día do emigrante. Non faltará tampouco o alcalde e outros moitos protagonistas destas festas e do día a día na vida de Ordes.
Día grande
Ordes renderalle tributo á súa patroa, Santa María, o día grande de celebración, o martes 15. Como cada ano ás 12 horas dará comezo a misa solemne seguida da procesión, na que a imaxe da Santa percorrerá as principais rúas. Os gaiteiros e  cabezudos de Asociación Cultural Espadana, a charanga O Recobio e a Banda de Música Municipal de Padrón animarán este día. A sesión vermú correrá a cargo de Galilea, que volverá animar a noite a carón de Armonía Show, que este ano celebra o seu 20 aniversario por terras galegas. 
     Como cada ano o 16 de agosto homenaxearase aos emigrantes. Tras a misa oficial das 13 horas levarase a cabo unha ofrenda floral  no monumento erixido a carón do Concello. Nesta ocasión os nomes propios destacados, e que representarán á diáspora ordense, son os do matrimonio composto por Benigno Rey e Lourdes Portos. Naturais de Beán e Frades, respectivamente, ata o seu regreso a finais de 2003, a súa foi unha vida de esforzo en Suíza, onde traballaron nos sectores da construción, hostalería e limpeza.  Neste día será a orquestra Alaska a que faga bailar a festeiros e festeiras tanto na sesión vermú como na verbena nocturna. Precisamente esa mesma noite, a iso das 23 horas, como broche final das festas, terá lugar unha actuación coa que Luar na Lubre conmemorará o seu XXX aniversario.  
     Ademais de todo isto a partir do luns e ata o remate das festas instalarase unha feira de artesanía na rúa Parques Municipais. Nela poderase mercar  produtos do máis variado, alimentación, tallas de madeira, prendas de vestir confecionadas con diversos tecidos, bixutería, bolsos, elementos de escritorio, cosmética etc  
Cortes de tráfico
O centro da vila, especialmente a alameda do Soldado Lois e as zonas lindeiras, serán durante estes días o epicentro das festas. Un espazo onde se dará cabida a milleiros de persoas e onde quedarán instalados grande escenarios e equipos de iluminación e electróxenos. Por este motivo o tráfico da N-550 neste punto quedará desviado dende as 9 horas do domingo ata as 8 horas do xoves.
     Os vehículos con dirección a Santiago de Compostela deberán transitar pola rúa Rosalía de Castro, a rúa Paraíso e a rolda leste para volver a enlazar coa estrada nacional. Os que vaian cara A Coruña deberán facelo pola rúa Lagartos para acceder á rolda leste e volver a incorporarse á N 550.
     Dende a Policía Local recomendan estacionar na explanada habilitada a tal efecto nas proximidades do Centro Médico e da avenida Alfonso Senra. Tamén lembran a importancia dun consumo moderado de bebidas alcohólicas.
 

O humor de Pablo Meijide marca o inicio das festas da Santa María en Ordes