O investimento alcanza os 60.000 € para un proxecto que inclúe a súa redistribución e a construción dunha nova estrutura colindante coa existente

Cun orzamento dalgo máis de 60.000 euros o Concello de Ordes está a acometer a ampliación e unha completa reforma dos vestiarios do pavillón Castelao II. As obras deron comezo hai escasos días e segundo o previsto finalizarán no mes de setembro.
     Tal e como queda reflexado no proxecto incial a redistribución dos espazos permitirán pasar de ter 3 a 5 vestiarios, un deles desinado aos árbitros, mentres que os restantes serán empregados polos equipos  locais e visitantes. Esta mellora tamén incluirá as áreas destinadas a almacenaxe, xa que se aumentará en máis de 20 metros cadrados o espazo destinado a este fin, pasando a ter dous habitáculos (1 ata agora). Tamén se levará a cabo unha reubicación e redistribución dos baños públicos, o que permitirá que sexan adaptados para as persoas que presenten algún tipo de diversidade funcional. 
    Para poder acometer tal reforma ampliarase a zona edificada cunha nova estrutura de 36 metros cadrados, colindante coa xa existente. 
Poboación estudiantil
En palabras da concelleira de Deportes, Ana Soneira “esta obra é unha das máis necesarias de todas as rexistradas nas instalación deportivas do noso Concello, xa que son moitas as persoas que a utilizan ao longo do ano”, Como exemplo Soneira válese da liga local de fútbol sala “na que nunha xornada poden chegar a competir máis de catro aliñacións, o que dá unha idea da amplitude que se precisa na zona de vestiarios”. Pero máis aló a edil tamén resalta “o uso que a poboación estudiantil fai deste pavillón, ao ser o lugar habitual para a práctica de deporte para os alumnos e alumnas do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao”, asegura.
     O Concello de Ordes conta co apoio do Fondo Europeo de Sufragamento Rexional (FEDER) á hora de acometer este proxecto, co fin de  evitar o problema da falta de espazo, en gran medida derivado dunha mala distribución. 

O Concello de Ordes inicia as obras de ampliación e remodelación dos vestiarios do pavillón Castelao II