spacer
Teatro e música para bebés para continuar coas tardes de verán en Ordes

Os nenos e nenas de Ordes de ata 3 anos viviron unha tarde do máis musical. Percubebé foi a súa actividade máis especial dentro do programa de actividades Unha viaxe pola cultura, organizado polo Concello. Pandeiretas, maracas, triángulos, bombos ou tambores foron tan só algúns dos instrumentos que non pararon de soar no día de onte. Non foi o único xa que tamén houbo tempo para os contos e para coñecer a máis dun personaxe do máis singular, como foi o caso do paxaro Martiño.

Ademais disto o público adulto tivo ocasión de desfrutar do teatro. A cita tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura, onde o grupo de teatro municipal conducido por Pablo Meixe interpretou Quen enterra un enterrador? Tal e como se esperaba o local rexistrou un cheo absoluto. Entre as persoas que non quixeron perder a función estiveron o alcalde de Ordes e o edil de Cultura, José Luis Martínez Sanjurjo e José Manuel Mira respectivamente. 

Por outra banda esta tarde será a quenda para os monicreques. Na alameda a partir das 20 horas terá lugar o espectáculo Cocorocó, conducido por Raquel Queizas.

Teatro e música para bebés para continuar coas tardes de verán en Ordes