Turismo Galicia aplica este investimento para a apertura de explanadas e cunetas, instalación de pasos de auga, drenaxe e colocación de indicadores entre outras. Martínez Sanjurjo destaca a importancia desta actuación “para poder facer desta ruta un importante motor económico para o concello”

A Xunta de Galicia, a través de Turismo Galicia, vén de comunicar o investimento de 171.500 euros no plan de mellora da infraestrutura do Camiño Inglés ao seu paso polo municipio. Un investimento que permitirá a correcta delimitación do trazado oficial establecido no ano 2014.
     Un investimento que se traducirá na apertura de explanadas e cunetas; instalación de pasos de auga e obras de drenaxe; retirada, reparación e recolocación dos sinais existentes; colocación de novos indicadores, placas de quilometraxe e conchas cerámicas; ademais do control arqueolóxico de todo o proceso.
     En termos globais hai que falar de máis dun millón de euros os que inviste a Xunta neste ano nos 18 municipios polos que pasa a ruta do  Camiño Inglés nas súas dúas variantes pola provincia da Coruña. No que se refire ao tramo que vai dende Hospital de Bruma á capital compostelá serán máis de 322.000 €.
     Por outra banda o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destaca que “debemos ser conscientes de que o Camiño é un dos principais reclamos turísticos para Galicia, un gran imán que cada ano atrae ata a Comunidade a un maior número de peregrinos, polo que a Administración autonómica está comprometida coa súa revalorización e  promoción, como vimos demostrar con estas obras”.
Motor económico     
Para José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, “este investimento vén poñer de manifesto a involucración que a Xunta de Galicia ten co noso patrimonio e coa promoción do Camiño Inglés”. O rexedor ordense considérao “de vital importancia para o noso proxecto de facer desta ruta un importante motor económico e de promoción turística”. Neste eido Martínez Sanjurjo lembra a rehabilitación da casa reitoral de Poulo que se está a levar a cabo, co fin de transformala no primeiro albergue municipal que terá o Concello.
     A dita actuación está enmarcada dentro do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago que, conxuntamente coa Estratexia do Turismo de Galicia 2020, marca a folla de ruta coa que a Xunta traballa de cara á organización do próximo Xacobeo 2021.

171.000 euros para a mellora do Camiño Inglés