Trátase de accións formativas con certificados de profesionalidade centradas na atención sociosanitaria a persoas dependentes, recursos humanos e informática. O plan inclúe a realización de prácticas en empresas 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de concederlle ao Concello de Ordes tres novos cursos para desempregados. Concretamente son os de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións, o de xestión integrada de recursos humanos e outro de informática básica centrado na grabación e dixitalización de documentos e datos.

     As persoas que estén interesadas en matricularse nalgunha destas opcións poden facelo xa na Oficina de Emprego de Ordes, ou ben a través da páxina do portal do Servizo Público de Emprego de Galicia.

     O curso de atención sociosanitaria constará de 468 horas. Inclúese o certificado de profesionalidade de nivel 2, e realizaranse prácticas en empresas do sector. Un título que garante as aptitudes para poder traballar como coidador de persoas con algún tipo de minusvalía física, síquica ou sensorial. Tamén para poder exercer como coidador ou coidadora de persoas dependentes en institucións, ou como xerocultor ou xerocultora en distintos ámbitos. Os requisitos indispensables para poder acceder a el son os de estar en posesión do título ESO, ou o nivel 2 das competencias clave ou equivalente.

     No caso da acción formativa de xestión integrada de recursos humanos impartiranse 808 horas, prácticas incluídas, e o certificado oficial de profesionalidade que conleva será de nivel 3. A titulación será válida para exercer funcións de técnico superior en recursos humanos, técnico medio en relacións laborais, empregados administrativos de servizos de persoal e administrativo do departamento de recursos humanos, responsable de persoal en PEMES, xestor de nóminas ou tamén técnico de recursos humanos. Para poder matricularse é necesario ter o bacharelato ou o nivel 3 do título de competencias clave.

     Por último tamén está o curso de informática básica sobre a grabación de dixitalización de documentos e datos, cun total de 458 horas de duración. A certificación profesional neste caso corresponde ao nivel 1 e tamén haberá prácticas en empresas. A formación validará para traballar como operadores e grabadores de datos en ordenador, auxiliar de oficina, auxiliar de arquivo, operadores documentais e auxiliar de dixitalización. Para matricularse non se requiren requisitos mínimos para acceder.