O rexedor vinculara a aprobación das contas de máis de 9 millóns de euros a unha cuestión de confianza, a cal fora formulada en sesión plenaria extraordinaria o pasado 15 de xuño

Un mes despois de que o alcalde de Ordes vinculara a aprobación do seus orzamentos a unha cuestión de confianza, hoxe xa se pode anunciar a súa aprobación inicial. Un prazo que realmente se viu expirar o pasado sábado (15 de xullo), pero que por non ser día hábil estendeuse durante toda a xornada de onte luns sen que ningún grupo presentara oficialmente unha moción de censura capaz de desbancar ao actual grupo de goberno. O procedemento marcado pola lei establece que as novas contas deberán publicarse no BOP e agardar quince días tras a súa publicación. “No caso de que todo vaia correctamente agardamos poder aprobalas definitivamente ao longo da última semana de agosto”, segundo explicacións do rexedor ordense.
     Con todo isto, e por primeira vez dende a súa chegada ao poder, o equipo encabezado por José Luis Martínez Sanjurjo poderá xestionar os seus propios orzamentos, os cales ascenden a 9.100.000 €. Estes viñan sendo prorrogados dende o ano 2015, o que “impedía cumprir cos compromisos adquiridos coa veciñanza e os derivados do programa electoral que presentamos no seu día” en palabras do propio alcalde.
     Segundo explica o rexedor local as novas contas, inicialmente defendidas e rexeitadas por todos os membros da oposición o pasado 5 de xuño “caracterízanse polo mantemento dos servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos, sendo as súas liñas fundamentais o saneamento das contas municipais mediante a contención do gasto  público e a eficiencia na asignación dos recursos municipais. Á par garanten a sustentabilidade dos servizos municipais fundamentais, o mantemento dos créditos ás políticas sociais, de emprego e fomento económico, así como os investimentos produtivos”. Unha argumentación na que tamén destaca “un incremento de ingresos de case un 7% e dun 26,54% de gastos con respecto aos orzamentos anteriores prorrogados”.
Investimento    
Concretando as cifras, os investimentos previstos superan o 20% total dos orzamentos, situándose en 1.842.000 €. O Concello achega un total de case 513.000 € de fondos propios para o financiamento de investimentos que, entre outras, atenderían á construción cofinanciada coa Xunta do centro sociocomunitario Isabel Zendal (296.000 € repartidos en dúas anualidades), mellora das instalacións deportivas municipais (126.800 €), investimentos en vías públicas, renovación de semáforos, dotación para optar a subvencións de máximo interese, así como as obras incluídas no POS+2017 (953.800 €).
     Advírtese un incremento nas partidas destinadas a políticas sociais,  entendendo estas como a suma dos importes dedicados a gastos sociais, educativos, culturais e deportivos. Neste sentido as actuacións de protección e promoción social increméntase en máis dun 13%.

Aprobados inicialmente os orzamentos do Concello de Ordes tras expirar o prazo para unha posible moción de censura