spacer
 Grande afluencia de público no XXV Encontro de Grupos  de Danzas Rexionais 

Novamente a parroquia ordense de Leira foi punto de máxima atención para as persoas afeccionadas ao baile e á música tradicional. En total participaron sete grupos, algún deles chegado dende Asturias

Os organizadores do Encontro Folclórico de Leira viron recompensado o esforzo levado a cabo nas últimas semanas ao incrementarse notablemente o número de público asistente á que foi a 25 edición desta cita, considerada por moitos e moitas como unha das máis importantes de toda a provincia.

Tras un xantar popular na carballeira do lugar, xa pola tarde o campo da festa da parroquia encheuse de bailaríns, bailarinas, músicos, instrumentos e indumentarias rexionais de cada un dos sete grupos participantes. Incluso os houbo de fóra, como foi o caso da Asociación de Baile e Música Tradicional La Xorda, procedentes da localidade asturiana de Posada de Llanera. Completando o cartel figuraron os propios anfitrións, o Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira, ademais de: A.C. Os Penediños (O Porriño, Pontevedra), Pinga de Troula (Frades) A.F. Recordos da Nosa Terra (Bueu, Pontevedra), Airiños do Frade (Cabanas, Ferrol) e a Escola de danza tradicional Asociación Xuvenil Arume (Carballo, A Coruña).

 Grande afluencia de público no XXV Encontro de Grupos  de Danzas Rexionais 

Entre os colaboradores desta cita cabe destacar tanto ao Concello de Ordes como á Deputación da Coruña. Precisamente o alcalde da localidade e o concelleiro de Cultura,  José Luis Martínez Sanjurjo e José Manuel Mira respectivamente, foron os encargados de entregar os agasallos e as placas conmemorativas, tras desfrutar do momento cos seus veciños e veciñas. Tras isto a todas e todos os presentes ofrecéuselles unha boa merenda na que abundaron os petiscos. Tampouco faltou a bebida coa que refrescarse das altas temperaturas que se rexistraron ao longo de toda a xornada.