Esta semana transmitiulles a súa preocupación aos corpos de seguridade do municipio polos casos de pintadas, roubos e deterioración no mobiliario urbano

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, vén de manifestarlles aos representantes dos principais corpos de seguridade do municipio a súa preocupación e descontento ante os diversos casos de vandalismo rexistrados nas últimas semanas. 
Entre os casos máis visibles pódense citar as recentes pintadas realizadas en diversos lugares públicos da vila ordense, un feito que se repite noutras vilas e núcleos urbanos similares, e nas     que abundan as mensaxes de carácter político. Ademais disto tamén se teñen rexistrado roubos, como por exemplo o de bancos no paseo Iván Raña ou o de varias aves das que habitan no paseo fluvial Ramiro Recouso. Tamén se denuncia a rotura de elementos do mobiliario urbano, como o caso de varias varandas en distintos puntos ou bambáns en varios dos parques municipais.
     O rexedor fai extensible a colaboración que brindan tanto os axentes da Policía Local como da Garda Civil ao resto da veciñanza de Ordes. “Pedímoslle que cada vez que sexan testemuñas dun acto desta índole o poñan en coñecemento inmediatamente das forzas de seguridade. Moi especialmente pola noite, que é cando se reduce o número de efectivos na localidade, polo que o máis aconsellable é contactar coas dependencias de Garda Civil chamando ao 062. Durante o día tamén se pode contactar coa Policía Local de Ordes no 676975533”. 

     Martínez Sanjurjo apela á conciencia e ao civismo dos veciños e veciñas para “respectar o que é de todos e cada un e unha de nós”. Comportamentos deste tipo supoñen “un grave prexuízo económico para os petos dos contribuíntes e unha deterioración do contorno do noso día a día”.