No día no que se cumpren os 20 anos do asasinato de Miguel Ángel Blanco a mans da banda terrorista ETA, moitos veciños e veciñas de Ordes quixeron renderlle unha sentida homenaxe. Decenas de persoas congregáronse nas escaleiras da fachada principal do Concello para gardar un minuto de silencio. Un recoñecemento extensible para todas as vítimas do terrorismo, as súas familias e achegados, así como á sociedade española que se levantou en defensa da liberdade da paz e da convivencia. Entre as persoas presentes non faltaron traballadores e traballadoras tanto do Concello como da Mancomunidade de Ordes, membros da Policía Local e da Garda Civil, os concelleiros de Benestar Social e Comercio, ademais do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. O acto foi convocado pola Federación Española de Municipios e Provincias.