Terá lugar a última fin de semana de xullo. Aberto o prazo de inscrición para participar tanto na mostra como nas distintas probas cinexéticas, as cales puntuarán para a Copa Galicia

A XXVI Feira de Cans de Caza do Mesón do Vento terá lugar os días 29 e 30 de xullo. As inscricións para participar nela, así como nas distintas probas de caza, pódense facer chamando ao 689550728. Considerada polos entendidos e entendidas como a máis importante do noroeste peninsular, nela poderanse adquirir exemplares das razas máis demandadas por parte de profesionais e afeccionados á cinexética. 

     Na primeira xornada o programa inclúe o Campionato de Rastro de Xabaril modalidade trela, puntuable para a Copa Galicia. A inscrición, con xantar incluído, ascende a 35 €, sendo de 15 € a partir do segundo can. Dentro da mesma modalidade tamén se disputará o campionato júnior ata 14 anos. Neste caso a inscrición ascenderá a 40 € con xantar e 20 € a partir do segundo exemplar. Por último disputarase o Campionato San Huberto de perdiz. Ademais de trofeos os premios para os primeiros clasificados consistirán nun xamón, sacos de penso e botellas de viño Albariño.
 
     Xa de cara á xornada do domingo esta arrancará coa apertura do recinto feiral e a gran feira de cans de caza. Finalizada a mañá o xurado dará a coñecer os premiados deste ano, que recibirán o seu premio a partir das 17 horas. 

XXVI Feira de Cans de Caza. Aberta inscrición

O Concello de Ordes, ademais da marca Arion, colaboran na celebración deste evento no que o ano pasado se contabilizaron máis de 3000 cans.