A primeira xornada rexistrou un bo número de asistentes que encheron bares e restaurantes para empezar a dar conta das máis de 50 elaboracións que se presentan na edición deste ano, a cal finaliza mañá 
Un ano máis a vila de Ordes convírtese en centro de interese culinario. Todo grazas á terceira edición do seu concurso de tapas De bo dente, no que este ano compiten entre si un total de 50 receitas distintas. Ata mañá domingo 20 bares e restaurantes que se esmerarán por combinar os mellores sabores obtidos con todo tipo de produtos, e presentalos do xeito máis orixinal. 
     A primeira xornada, a de onte, foi un éxito vendo o público que se congregou tanto nas terrazas como no interior dos locais. Precisamente o de promover e dinamizar a hostalaría é o principal obxectivo desta iniciativa, desenvolvida polo Concello de Ordes. Bocadiños do Xapón, Chipibao, Noite de meigas, Boliño á flamenca, Sopa de ameixa, Polo e mozzarella acaramelada, Tosta de mar, Bombóns de xamón con marmelo e ata piruletas salgada. Nada escapa á imaxinación dos cociñeiros ordenses co fin de impresionar o padal de veciños, veciñas e visitantes. Precisamente será o público, sumado a un xurado no que figuran expertos cociñeiros, será quen puntúe cada tapa a través dos boletos que se entregarán nos mesmos establecementos participantes.
Participantes  
    Os bares e restaurantes que participan na edición deste ano son: EL TÚNEL, A BARRICA ADEGA, MESÓN O SÓTANO, CERVEXERÍA ISLIA, CERVEXERÍA P.J., FACTORÍA DOCE, CAFÉ - BAR O MERCADO, PARRILLADA O RANCHO, EL PUENTE, CERVEXERÍA O 27, ABACCO, LITTLE COFFEE, BIRROTECA SOUL FOOD, BLACK & WHITE, CAFETERÍA SAN ROQUE, EL SALÓN, CAFETERÍA DONIÑA, BAR MARAL, PIZZERÍA-TAPERÍA A SELLA e BAR CORREOS.
     No concurso tamén colaboran froitería A Nova, perruquería Stilos, centro de estética D´Chus, zapatería Sanmede, Carma zapatería, tenda de roupa Chic, Sportec, carnicería Ignacio e almacéns Cancela S.L. Patrocinan a Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes e Estrella Galicia.

Ordes saborea xa a terceira edición do seu concurso de tapas De bo dente