spacer
Homenaxe ao Club Atlética A Silva-Ordes

José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira recibiron aos integrantes ordenses do club, ante os que reafirmaron o seu compromiso por seguir apoiándoos. Entre os deportistas homenaxeados destacou a campioa veterana mundial en lanzamento de xavelina Ánxeles Rodríguez del Río

Esta maña José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, alcalde e edil de Deportes de Ordes respectivamente, recibiron ao Club Atlética A Silva-Ordes. Un acto que congregou a un bo número dos seus atletas ordenses e no que se lles fixo un emotivo recoñecemento tanto ao club como a moitas e a moitos dos seus corredores e corredoras polos logros acadados na última tempada. Ao acto asistiron temén afeccionados, familiares e Pepe Domínguez Caballero, adestrador e “alma mater do club”, en palabras do rexedor e que ademais lle fixo entrega dunha bandeira do municipio “para que poidades lucila alá a onde vaiades e para que vos traia sorte” manifestou.
Tanto Martínez Sanjurjo como Ana Soneira animaron ao corpo de atletas a “seguir traballando para conseguir premios tan importantes como os obtidos ata o de agora”. Tamén amosaron abertamente o seu apoio para contribuír no seu desenvolvemento e crecemento do club. Un compromiso que se orienta sobre todo no que se refire ás melloras das instalacións do complexo deportivo de Vista Alegre, lugar habitual de adestramento dos membros do club. Neste aspecto físoxe mención, a modo de exemplo, dos almacéns que se están a construír. 
Nomes propios     
Entre as persoas homenaxeadas no día de hoxe sobresaíu o nome da veterana María Ánxeles Rodríguez del Río, campioa do mundo e de España en lanzamento de xavelina. Tamén recibiron diploma Isabel Fernández Bello, bronce no Campionato de España en 4x200 na categoría de veteranos e María Pena Ferreiro, subcampioa de España en lanzamento de xavelina na categoría cadete. Na categoría infantil destacaron Martiño Caneda Pájaro, campión galego en 220 metros vallas; Samuel Fariñas Fernández, bronce en 3000 metros lisos; Alejandra Souto Vieites, subcampioa galega en triple salto; Daniel Loureiro Mosquera, subcampión galego en lanzamento de xavelina e Lara López Fernández, campioa galega en 100 metros lisos na categoría cadete. 

Homenaxe ao Club Atlética A Silva-Ordes

Con este acto o Concello de Ordes, e especialmente a Concellería de Deportes, continúa coa campaña de homenaxes e recoñecementos públicos ás entidades locais e aos deportistas que polo seu esforzo e dedicación obtiveron un lugar destacado no circuíto de competicións. “Algo máis ca merecido xa que cos seus éxitos contribúen a difundir o bo nome de Ordes tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”, tal e como destacou hoxe o alcalde.