O proxecto supón melloras nas vías principais de acceso, na que comunica co Punto Limpo, a construción dunha saída auxiliar, a instalación dun sistema de drenaxe e a ampliación do sistema de iluminación da área

O Concello de Ordes vén de realizar unha serie de melloras no aparcadoiro situado nas inmediacións do tanatorio municipal do Valado, na vía principal de acceso que enlaza coa estrada de Carballo (DP 5903) e a que comunica co Punto Limpo de Ordes. En total hai que falar dun investimento de 153.500 euros, dos cales 123.400 euros proceden do Plan de Aforro e Investimento 2016 (PAI).
    A superficie do aparcamento pasou de 4600 metros cadrados a 6850 tras ocupar a zona verde anexa, aumentándose ata as 207 o número das prazas reservadas para os vehículos dos usuarios e usuarias das instalacións. No caso das vías leváronse a cabo labores de asfaltado e pintado, ademais de quedar conectados ambas as dúas. Isto, unido á  habilitación dunha saída auxiliar, facilitará a fluidez da circulación. 
     Tamén se procedeu coa instalación do sistema de drenaxe e a preparación do sistema de luminarias para a súa ampliación nun futuro. Con isto hai que falar dunha rede de 290 metros de lonxitude, na que xa se recolocaron as luminarias existentes segundo as necesidades da nova disposición. O proxecto inclúe ademais a preinstalación do sistema de rego automático das xardineiras da área.

O Concello de Ordes amplía o aparcadoiro do tanatorio municipal do Valado ata superar as 200 prazas