A promoción, o desenvolvemento turístico e o deseño de programas medioambientais entre os municipios polos que transcorre o trazado son os obxectivos máis inmediatos do novo ente
As representantes e concelleiras municipais Ana Soneira e Susana García asistiron á asemblea constituínte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Tras a xuntanza que tivo lugar en Carral no día de onte o Concello de Ordes pasa a formar parte da xunta directiva ao ser escollido para asumir a vicepresidencia. Completando o organigrama Oroso ocupa a presidencia, Betanzos a secretaría, Carral a tesourería, mentres que Pontedeume, Mesía e Abegondo figuran como vogais.
     A día de hoxe son catorce os Concellos que conforman esta asociación. Ademais dos xa mencionados hai que engadir Santiago, Betanzos, Cabanas, Paderne, Neda, Fene, Narón, Miño e Ferrol, estando pendente este último de que o Pleno aprobe en breve a súa incorporación.
     Como fins principais desta asociación figuran, entre outros, a promoción e o desenvolvemento turísticos dos concellos polos que transcorre o Camiño Inglés, achegando a cooperación entre as administracións locais e contando coa apoio de Deputación Provincial, Goberno Autonómico, Estado, mancomunidades e demais  agrupacións ou entidades; potenciar a defensa e mellora do patrimonio natural e histórico-artístico; planificar e organizar iniciativas de desenvolvemento sostible; canalizar a promoción turística e a elaboración de programas medioambientais; ofrecer apoio necesario a peregrinos; desenvolver relacións de reciprocidade entre os concellos e territorios, fomentando e propoñendo iniciativas concretas que favorezan incrementos do movemento turístico e a implantación nos distintos mercados e a Unión Europea etc.
     Segundo os estatutos a asemblea, composta por todos os socios, reunirase ordinariamente polo menos unha vez ao ano, e extraordinariamente as veces que sexa necesario. 

O Concello de Ordes asume a vicepresidencia da Asociación de Concellos do Camiño Inglés