Terá lugar en Ordes do 26 ao 29 de xuño nas pistas de Vista Alegre

Do 26 ao 29 de xuño terá lugar nas instalacións deportivas de Vista Alegre (Ordes) o VI Campus de Atletismo. As xornadas desenvolveranse sempre en horario de tarde. Para os máis pequenos e pequenas irá de 18.30 a 20.30 horas, no caso de bachareis e persoas adultas de 21 a 23 horas, e por último as veteranas de 22 a 23 horas. Como organizadores desta cita figuran o Club Atlética A Silva e Atletismo Ordes.
     Na primeira xornada terán lugar as carreiras de velocidade con e sen obstáculos, ademais de xogos multiatléticos; o martes disputaranse os lanzamentos de xavelina, disco, martelo, peso e xogos de multilanzamento; o mércores será o momento para os saltos de lonxitude e altura, ademais das carreiras de resistencia; e por último o xoves levaranse a cabo as carreiras de remudas. Tras a suma de todas as marcas rexistradas no día anterior procederase coa entrega de trofeos e co sorteo de agasallos.
     Aquelas persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata o vindeiro xoves, 22 de xuño, habendo un total de 60 prazas. O importe para os alumnos e alumnas dos clubs ascende a 25 €, sendo 40 € para as parellas de irmáns ou os matrimonios de veteranos. As familias compostas por tres ou máis atletas terán que aboar 50 €. Haberá que cubrir a folla de inscrición, que se poderá solicitar no mesmo Concello de Ordes, e facer o pago na conta que se indica no dito impreso. 
     Un ano máis os organizadores desta iniciativa contan coa colaboración dos concellos de Ordes e Cerceda.