spacer
ExpoOrdes abre as súas portas cun chamamento para redefinirse en prol da promoción da produción local

A conselleira de Medio Rural e o delegado territorial da Xunta na Coruña destacaron a importancia e o potencial da feira multisectorial. Máis de 3500 quilos de champiñons ofreceranse o domingo na XXVIII degustación
ExpoOrdes 2107 abriu esta tarde as súas portas cunha primeira xornada dedicada aos empresarios e autónomos da zona. A conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez foi a principal autoridade presente no acto inaugural. Ademais de José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, tamén se deron cita alcaldes, concelleiros e concelleiras de toda a comarca, así como representantes da Mancomunidade de Ordes e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. 
    Todas e todos eles, acompañados de veciños, veciñas, empresarios e autónommos, pasearon polo recinto feiral e visitaron cada un dos postos nos que ao longo de toda a fin de semana se expoñen as principais novidades dos sectores da alimentación, culturas, automoción, agro e gandeiría, atención social, deporte, medio ambiente, artesanía etc. 
   No momento do seu discurso Martínez Sanjurjo destacou “a importancia do sector primario para Ordes e que conta con explotacións modélicas”, así como o gran “potencial que a día de hoxe ten esta actividade para o crecemento económico”. Neste aspecto citou o aliciente  que supón “a implantación da sociedade Goodleit en Curtis, cunha factoría con capacidade para procesar o 17% do leite producido en Galicia”. Ante a conselleira demandou “que se axilicen os remates das concentracións parcelarias postas en marcha, porque non son de recibo esperas de anos”. O rexedor sinalou a importancia de “conxugar a explotación forestal do monte coa preservación dos terreos con vocación agrícola. Este é un reto no que se deben esforzar a administración e os particulares na procura de maiores beneficios económicos, sociais e ambientais.
     O alcalde tamé tivo palabras en relación á crise do sector téxtil que atravesa Ordes. Publicamente reafirmouse no seu compromiso para “reconducir a situación” dentro das súas posibilidades como ente local. Dita actuación pasa pola “xestión en órganos supramunicipais e a interlocución cos traballadores e traballadoras”, tal e como se ven a facer dende hai xa tempo. “É absurdo opoñerse á globalización pero si podemos actuar con responsabilidade como consumidores, apostando polo comercio e as producións locais, xa que ninguén o fará por nós” indicou.
     Por último avanzou a súa aposta por redefinir esta a chamada festa do champiñón “para poñer en valor productos autóctonos da zona”. Un debate que dende hoxe está aberto para todas aquelas persoas e sectores implicados na feira inaugurada hoxe.
    Pola súa banda Ánxeles Vázquez sinalou a importancia de ExpoOrdes “para a creación de emprego e o apoio que supón para os sectores da comarca”. A conselleira de Medio Rural fixo especial fincapé no plan de axudas dotado con 3 millóns de euros para o fomento da utilización de maquinaria agrícola común en réximen asociativo, cofinanciado cos fondos FEADER.
     Mañá sábado a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acadará un protagonismo especial ao dedicárselle a xornada. Ademais da visita ás 13 horas dos prinicipais representantes dos sete concellos que a conforman (Ordes, Frades, Mesía, Tordoia, Trazo, Cerceda e Oroso) o programa inclúe unha degustación gastronómica por parte do Consello Galego de Cooperativas. Como é habitual arredor dunha decena de cooperativas galegas, agroalimentarias principalmente, terán a súa presenza na que xa é dende hai varios anos unha das feiras máis importantes de toda a Comunidade. Entre os asistentes ten confirmada a a súa asistencia Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego. A parte máis festiva e musical chegará á tardiña da man da Asociación Cultural Camiño Real de Poulo.

     O domingo 24 de abril Ordes vivirá a súa xornada máis festiva grazas á XXVIII Degustación do Champiñón. Unha convocatoria gastronómica que se estenderá por todos os bares, restaurantes e establecementos hostaleiros que repartirán de balde tapas e racións con cada consumición. En total serán máis de 3500 quilos deste cogomelo a cantidade da que se dará conta este ano. 

     Para este días contarase coas actuacións do grupo de gaitas Sementes da Arte, coa Banda de Música de Ordes, ademais da charanga Ruada.com.

ExpoOrdes abre as súas portas cun chamamento para redefinirse en prol da promoción da produción local