Estase a executar o proxecto de Salgueira de arriba, na parroquia de Ardemil, por un importe total de 132.000 €
O Concello de Ordes continúa coa construción e mellora de beirarrúas en varios puntos do termo municipal. Ás obras emprendidas na avenida Alfonso Senra, na vila de Ordes, hai que engadirlle tamén as de Salgueira de arriba, na parroquia de Ardemil, por  un importe que alcanza os 132.000 €. Un importe sufragado con fondos propios obtidos do remanente municipal. 
    No proxecto contémplase a construción de preto de 800 metros de beirarrúas de 1,80 m de ancho, así como a canalización previa con tubería de PVC no mesmo tramo e a execución de 17 pozos de rexistro con sumidoiro para a recollida de augas pluviais. Tamén quedará preparada a canalización soterrada para o sistema de iluminación pública, ao que se lle suma a construción dun muro de formigón armado de 90 metros de lonxitude e 0,80 metros de alto para a contención de terras. Por último reporase o pavimento afectado pola execución das obras, semellante ao existente.
     O Concello de Ordes estima que as obras estarán rematadas a finais do vindeiro mes de abril.
 

O Concello de Ordes continúa co plan de construción  e mellora de beirarrúas no municipio