spacer
O Folclore e a tradición marcan a primeira xornada da XIX Festa do Lacón con Grelos 

Mañá terá lugar o día grande, no que se repartirán 2.500 quilos de racións nos bares, restaurantes e establecementos do Mesón do Vento.
A música, o folclore galego e a tradición do Entroido marcaron esta primeira xornada da XIX Festa do Lacón con Grelos que deu comezo hoxe no Mesón do Vento. 
     A mañá arrancou coa apertura dunha nave de gando onde moitos e moitas acudiron ben cedo para ver de primeira man os exemplares de   gando vacún e aves autóctonas como cachenas, limusinas, porcos celtas ou galiñas de Mos. Tamén foron moitos e moitas os que se pararon a contemplar o primeiro cabalo en facerse co título de campión de raza galega ademais dos burros somalíes. Paralelamente tivo lugar unha das principais novidades desta nova edición, a I Feira Agroecolóxica, onde abundaron os produtos da horta local e a artesanía. Mel, queixo, sidra, galletas embutidos, cousas para bebés, bixutería, xabróns, bolsos, sacos de sementes, velas etc é o que se ofreceu, ademais de poder pasar un bo momento no Recuncho dos xogos de sempre, onde maiores, nenos e nenas se divertiron cos xogos máis tradicionais. Outro dos puntos de interese foi a exposición de maquinaria agrícola e tractores.
     Pero o prato forte agardou á tarde, cando a partir das 16 horas arrancou o desfile de disfraces e comparsas. Algo xa indispensable no primeiro día de celebración desta cita e no que se repartiron máis de 1.1000 € en premios entre os participantes. Posteriormente chegou o momento do II Encontro Folclórico, no que os grupos Camiño Real de Poulo, Leira e o de Sementes da Arte déronllo todo a un público do máis numeroso e entregado, ao que as condicións meteorolóxicas ameazantes non lles infundiron medo para saír da casa. Entre os que os que animaron e lle agradeceron a súa posta en escea con aplausos estiveron José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, e os edís Ana Soneira e José Manuel Mira. Todos eles lle fixeron entrega a cada unha destas formacións dunha placa conmemorativa ao remate do acto. 
Día grande     
Mañá será o día grande que todos e todas esperan. Dende mediodía  empezaranse a repartir os 2.500 quilos de racións de lacón con grelos nos bares, restaurantes e establecementos do lugar. O programa para este día inclúe actos para todos os gustos. Exposicións de cetrería, probas de andadura puntuables para o XX Campionato Galego (a partir das 11.30 horas), probas de agility canina (12 horas), ademais de carreiras libres e de burros (17 e 18 horas respectivamente). As actuacións musicais en directo previstas tanto para a hora do vermú como para última hora da tarde marcarán o ambiente festivo para os milleiros de asistentes que se agardan, tal e como sucede en cada edición.

O Folclore e a tradición marcan a primeira xornada da XIX Festa do Lacón con Grelos