O Entroido de Ordes repartirá máis de 4000 € en premios.

A rapazada terá a súa propia Tarde de Entroidada con obradoiros, xogos, baile e moita festa. As rúas da vila volverán ser o escenario principal para o gran desfile e o concurso que terá lugar o Sábado de Piñata. Aberto ata o 1 de marzo o prazo para participar no concurso
O Concello de Ordes prepárase para vivir un ano máis un Entroido por todo o alto, no que veciños, veciñas e visitantes de todas as idades teñen cabida. A primeira data sinalada será o martes 28 de febreiro. Ese día a Tarde de Entroidada encherá a Alameda de Ordes de xogos, obradoiros e baile dende as 16.30 horas ata as 19.30 horas, aínda que no caso de que chova trasladarase ao pavillón Campomaior. 
     Ordes encherase novamente de cor e fantasía co Sábado de Piñata, o 4 de marzo. A partir das 17 horas terá lugar o desfile de carrozas, comparsas e disfraces polas principais rúas do pobo ata desembocar no Campo da Feira. Alí desenvolverase o concurso no que se repartirán máis de 4.000 € en premios. No caso das carrozas serán dous cheques de 600 e 400 €. No caso das comparsas de adultos serán de 400, 300 e 200 €; mentres que nas infantís serán de 225, 175 e 135 €. Os disfraces individuais adultos optarán a premios de 170, 120 e 90 € e os dos máis novos e novas serán de 100, 80 e 60 €. A todo isto hai que engadirlle un premio simpatía de 150 €, outro de 200 € para a mellor comparsa municipal, así como diversos premios accésits por un importe total de 1.000 €.
     O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 1 de marzo no Departamento de Cultura e Deporte, situado no primeiro andar  do mesmo Concello. Tamén se pode formalizar a inscrición a través do 981680002. Poderán participar todas as persoas interesadas en calquera das categorías (individual, comparsa e carrozas): O número máximo de integrantes na categoría individual é de cinco persoas, mentres que no caso das comparsas o número mínimo será tamén de cinco integrantes. Cabe ter en conta que o límite de idade está establecido nos 16 anos para considerarse participante da modalidade adulto. As carrozas non deben ter unha estrutura cunha superficie superior aos 7 m de longo, 3,50 m de ancho e 4 m de alto, sen que exista límite de idade nin número de integrantes. 
     O Entroido de Ordes é unha das celebracións máis destacadas do calendario municipal, na que cada ano se congregan milleiros de persoas entre público asistente e participantes das actividades, desfiles e concursos que teñen como escenario principal as rúas e prazas da vila. E todo isto contando co patrocinio de Seguros Reale e Jaime Castro asesores.
 

ENTROIDO 2017