O Concello de Ordes vén de estrear a súa nova App para teléfonos móbiles (Concello de Ordes). Trátase dunha ferramenta que se caracteriza pola súa funcionalidade, facilidade de manexo, e por un atractivo deseño visual baseado en fotografías de gran calidade. 

     Dispón dun apartado de incidencias onde cada persoa pode comunicar calquer aspecto que considere necesario, o cal se pode complementar de xeito particular engadíndolle fotografías e ubicacións para a súa fácil localización. Tamén permite o envío de consultas e a recepción de avisos de todo tipo por parte do Concello mediante notificacións push, ademais de poder acceder directamente a información relacionada co municipio e as parroquias que o compoñen. Seguindo con eido da información cada día se publicarán as últimas novas relativas ao Concello de Ordes e permite escoitar en directo Radio Ordes. 

     Na sección turística visitantes, veciños e veciñas poderán atopar resposta a cuestións sobre hostalaría e restauración; hostais, hoteis e residencias; rutas e roteiros, aspectos culturais como DesOrdes Creativas; ou mesmamente o Camiño Inglés.  Por outra banda a axenda permite consultar todos os actos e citas importantes de diverso tipo que se den no termo municipal, coa posibilidade de integralos moi sinxelamente nas súas axendas persoais dixitais. Tamén se presentan os datos meteorolóxicos da xornada vixente.

     Tamén se pode ter acceso a un amplo directorio telefónico, de enderezos e ubicacións de servizos, corpos de seguridade, sanitarios etc. Horarios de autobuses, esquelas e mesmamente as farmacias e servizos de guardias están xa ao alcance no seu móbil.

     Esta práctica aplicación está dispoñible para Android e IOS e está financiada integramente pola Deputación da Coruña.

DESCARGAR APP

 

O Concello de Ordes estrea APP para Android e IOS