Os comerciantes deberán inscribirse os días 30 e 31 de xaneiro. As reservas garantiranse por rigorosa orde de rexistro. Poderanse adquirir a prezos baixos roupa e calzado de todo tipo, bixutería, decoración etc 

A próxima feira de oportunidades de Ordes xa ten data de celebración. Será os días 10, 11 e 12 de febreiro no primeiro andar da Praza de Abastos. Novamente poderanse adquirir a prezos incomparables as últimas novidades en  téxtil, calzado, decoración, bixutería, marroquinería etc. O horario de atención ao público irá de 10 a 14 e dende as 16 ata as 21 horas. 

     O prazo de inscrición será os días 30 e 31 de xaneiro, adxudicándose o acceso aos postos por rigorosa orde de chegada. As follas de inscrición  pódense recoller no Concello ou, si se prefire, redactar unha carta de solicitude. Xa de cara ao día 3 terá lugar o sorteo dos espazos habilitados entre todos os admitidos, tal e como se veu realizando en edicións anteriores. 

     En total serán arredor de 13 postos os que dende o Concello se lles  ofrecerán aos comerciantes que queiran participar na que será a cuarta edición desta cita comercial, e que dende a súa posta en marcha alcanza importantes cifras de visitantes e vendas. 

    O Concello habilitará un servizo de ludoteca na mesma Praza durante os tres días que irá dende as 18 ata as 20 horas, o cal se ampliará de 10.30 a 12.30 horas durante o sábado e o domingo.

Ordes terá a súa IV Feira de Oportunidades na segunda fin de semana de febreiro