spacer
Informática, cociña e costura no Circuíto Cultural 2017 

O vindeiro luns abre o prazo de inscrición. Entre as novidades figuran xornadas sobre alimentación para persoas diabéticas e con intolerancias ou alerxias alimentarias. Tamén haberá un curso sobre tabletas e smartphones.

O Concello de Ordes vén de dar a coñecer o seu circuíto cultural, o cal se desenvolverá durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio. Informática niveis iniciación, usuario e medio; iniciación á informática para nenos e nenas; cursos de utilización de smartphones e tabletas, introdución para ser dj, cociña para persoas adultas e menores de 5 a 14 anos; xornadas de cociña para persoas con intolerancias, alerxias ou diabéticas e cursos de iniciación á costura son as posibilidades que se ofrecen nesta nova convocatoria.

     As clases desenvolveranse en horario de tarde os xoves e venres. Os sábados serán pola mañá, agás o curso de dj que terá lugar pola tarde. Os prezos oscilan entre os 9 e os 72 €, podéndose beneficiar de descontos especiais os integrantes de familias numerosas, así como as persoas que presenten algunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou que teñan máis de 65 anos.

     O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns, día 16, e concluirá o 26 de xaneiro. As follas de inscrición e domiciliación bancaria pódense descargar na sección de descargas desta nova ou ben solicitalas nos departamentos de Cultura e Educación.