Dende finais de novembro realizáronse distintas intervencións por un investimento de máis de 57.000 €. Tamén se reabre a circulación na rúa Víctor González Faya e na estrada A Barcula-Adrán-Visantoña 

No día de hoxe volveu abrir á circulación a rúa Parques Municipais, no centro de Ordes, tras as obras de mellora realizadas. Unha intervención que acadou os 57.800 €, provenientes do remanente das contas municipais de 2015. Unha cifra que sumada aos 50.000 € investidos en setembro para executar a primeira fase do proxecto acadan os 107.800 €. 

     Dende finais de novembro repuxéronse máis de 146 metros de beirarrúas e colocáronse novas baldosas táctiles de formigón con botóns de seguridade para pasos de peóns cun bordo de granito. Tamén se levou a cabo a instalación dunha nova tubaxe para mellorar o sistema de iluminación pública, ademais da reposición de arquetas con sumidoiro para a recollida de pluviais. Para unha correcta drenaxe contémplase unha franxa de formigón cunha anchura de 25 cm. entre a beirarrúa e a calzada. 

    Dende o comezo desta semana tamén se realizaron melloras na capa de rodaxe para vehículos. Concretamente aplicouse unha capa de aglomerado quente tras ser reparadas as fochancas e perfilarse debidamente o tramo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Por último está a conexión de sumidoiros e a sinalización horizontal co pintado correspondente, labor que se executará en canto rematen as chuvias destes días.

     Por outra banda, tamén están abertas ao tráfico a rúa Víctor González Faya, así como a estrada municipal A Barcula-Adrán-Visantoña. Ambas as vías permaneceron cortadas estes dous últimos días, debido á instalación dun paso de peóns elevado no primeiro caso, e por obras de mellora no segundo mediante aplicación de aglomerado. 

Abre ao tráfico a rúa Parques Municipais